O Fabril do regreso

TORRE DE MARATHÓN

EDUARDO PEREZ

Os de Cristóbal empezaron a traballar onte en Abegondo a súa tempada en Segunda B

13 jul 2017 . Actualizado ás 13:21 h.

O Fabril do regreso a Segunda B comezou a traballar onte en Abegondo. Cristóbal Parralo disporá dun equipo máis maduro e con moito gol, que intentará consolidarse na categoría.

o persoal

Dez seguen, sete saen. Da pasada campaña, o club ha confirmada a continuidade de dez futbolistas: Álex Cobo, Blas, Quique Fornos, Lucas, Carlos López, Edu Expósito, Queijeiro, Galán, Pinchi e Jardel. Por contra, anunciou as baixas de Anxo (Pontevedra), Álvaro Naveira (Compostela), Manu, Álex Corredera (Almería B), Manu Molina e Borja Domingo (Atlético Levante). A eles hai que sumarlle o centrocampista boliviano Jorge Carreón, que xogará no Terrassa.

Oito incógnitas. Outros sete futbolistas teñen un futuro incerto dentro do club. O Deportivo non explicou aínda que pasará con Arnau, Ángel Fernández, Hugo Rama, Marcos Legaz e Nacho Monsalve. Este último ten contrato, pero condicionado a dar o salto ao primeiro equipo, polo que se traballa en buscar unha cesión a un Segunda. A maiores, tampouco se aclarou que pasará con xogadores que estaban cedidos como Pancho, Hugo Díaz ou Alberto Leira.

Nove incorporacións. No capítulo de altas, o Deportivo comezou anunciando a subida desde o xuvenil do porteiro Francis e proseguiu coa repesca de Romay e a fichaxe de Uxío Dá Pena, pichichi de Terceira. Os centrais Gaizka e One, o lateral Cabalo, os mediocentros Raúl e Bengoa, e o dianteiro Luismi completan, polo momento, o capítulo de incorporacións.

Oito novos á caza dunha oportunidade. A maiores, Cristóbal estará moi pendente da evolución de xogadores como Chema (porteiro), Kanouté (mediocentro), Aarón Sánchez (mediapunta), Adri Castro (extremo) e Iago Novo (extremo) e terá que decidir se llos queda ou opta por que se vaian cedidos a un Terceira como o Laracha. Xuvenís como Mujaid, Carracedo, Gandoy, Sito ou Pedro poderían alternar entre o Segunda B e o División de Honra.

o perfil do equipo

Moita dinamita. Os 17 xogadores de campo que o Fabril ten agora mesmo confirmados sumaron o pasado curso, entre todos, 90 goles. Ben é certo que a maioría en Terceira. Uxío (27 tantos), Pinchi (22), Galán (7), Jardel (6), Romay (6), Edu Expósito (6)...

Experiencia en Segunda B. A idea do club foi fichar xogadores que coñecen a categoría. Romay (121 encontros), Raúl (92), Galán (91), One (64), Cabalo (59), Gaizka (38), Queijeiro (22)... En total, 555 partidos de experiencia na categoría de bronce. E a eles hai que sumar xogadores como Quique Fornos, Edu Expósito ou Pinchi que xa debutaron co primeiro equipo.

Sete non poderán alternar. O regulamento impide que os futbolistas que non sexan sub-23 poidan alternar primeiro e segundo equipo. Cabalo, Queijeiro, Raúl, Bengoa, Romay, Galán e Uxío naceron antes do 1 de xaneiro de 1995, polo que non poden subir e baixar cando se lles requira. No mesmo caso estaría Nacho Monsalve. A pesar diso, a media de idade non é moi alta: 21,7.