Medios arxentinos anuncian o regreso de Lux a River

DPA

TORRE DE MARATHÓN

GONZALO BARRAL

Dan por feita a incorporación do meta que tería asinado por dous anos

25 jun 2017 . Actualizado ás 19:02 h.

A canle arxentina TyC Sports anunciou na súa páxina web que River Plate pechou a contratación de Germán Lux por dúas tempadas. Segundo este medio o porteiro do Deportivo tería acordado co club non renovar o seu contrato coa entidade branquiazul tras dez tempadas en España das cales seis foron no club coruñés.

Lux, de 35 anos, deixou o club «millonario» en 2006 despois de lograr alí tres títulos arxentinos e ser o porteiro da selección que obtivo a medalla dourada nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004.

O gardameta someteríase mañá á revisión médica e, en caso de superala, cumprirá co seu primeiro adestramento este martes, indicou o sitio de noticias da canle TyC Sports.

O arxentino, acordou o seu regreso a River Plate para disputar as instancias finais da Copa Libertadores de América, segundo publicou a prensa local. River enfrontarase o 4 de xullo, en Paraguai, ao local Guaraní no partido de ida dos oitavos de final da Copa Libertadores.

Ata o momento o porteiro titular de River é o xuvenil Augusto Batalla, de 21 anos, aínda que nos últimos partidos, segundo a prensa, algúns erros cometidos en partidos do torneo arxentino provocaron a procura dun gardameta de maior experiencia.