Valverde, un xogador diferente

Paulo Alonso Lois
Paulo Alonso O TERCEIRO TEMPO

TORRE DE MARATHÓN

JEON HEON-KYUN | EFE

22 jun 2017 . Actualizado ás 22:08 h.

Federico Valverde chóvenlle agora os eloxios. Se chegase á final do Mundial sub-20 con Uruguai, en lugar do Balón de Prata probablemente lle terían dado o de Ouro. Pero antes do torneo de Corea do Sur, o gran mercado dos novos talentos, o Deportivo tomara posicións. Necesita adiantarse aos demais porque con billetes non vai convencer ninguén. Seguía a un futbolista que non era titular indiscutible nun filial en Segunda División B. A conclusión: valía a pena apostar.

A chegada de Valverde, un talento de 18 anos, un xogador sen sequera experiencia en Segunda A, un futbolista cedido, implica riscos. Pero a súa calidade e proxección, a ollos de quen mellor o coñecen, convérteo nun futbolista diferente. Xusto o que necesita un Deportivo que durante demasiadas xornadas do curso pasado pareceu demasiado previsible. Non virá mal un rapaz que axite o xogo con ganas de comerse o mundo.

Mire por onde se mire, nun mercado durmido como o deste ano, un verán de fraudes e lerchas, de autos e pactos coa Fiscalía, non hai dúbida de que o Deportivo se anota un tanto. O éxito do equipo actual depende en gran medida de xogadas como esta. Mozos atractivos que mesturen ben con xogadores de máis peso, líderes que devolvan a alma a aquel equipo adormecido.