O xuíz falla que o fillo de Lendoiro non debe cobrar as comisións que reclamaba ao Deportivo

Alexandre Centeno Liste
alexandre centeo A Coruña / LA VOZ

TORRE DE MARATHÓN

PACO RODRÍGUEZ

Augusto César Marcos admite que recibiu 540.000 euros por menos de nove anos no club

13 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O fillo maior de Lendoiro sufriu un novo revés na disputa xudicial que mantén contra o Deportivo. Outro xuíz fallou na súa contra nunha das catro demandas interpostas contra o club nas que reclama diversas cantidades.

O último en pronunciarse en contra foi o titular do Social número 4 da Coruña, que desestimou a petición de máis de doce miles euros en concepto de comisións correspondentes ao exercicio 2013. O primoxénito de Lendoiro asegura que, en virtude dunha orde dada o 25 de xaneiro do 2005 polo conselleiro Javier Chaver a Pablo Pereiro (exadminitrador único de Actividades, empresa xa extinta), desde ese momento pasaba a cobrar, ademais do seu soldo de 3.500 euros mensuais, «o 7 % da publicidade contratada e xestionada» por el mesmo.

Argumenta que non só cobrou anualmente esa porcentaxe da publicidade achegada por el, senón do total facturado pola empresa. A tenor desta última sentenza non lle correspondía percibir esa cantidade.

E é que o xuíz foi tallante no seu fallo. Sostén que esta reclamación xa foi xulgada e resolta, non só en primeira instancia, senón tamén no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como por parte do Supremo, que non admitiu a trámite o recurso de casación, nin a nulidade procesual solicitada. Reclamaba 58.000 euros e só lle concederon 20.864.

No entanto, o maxistrado, a pesar de entender que non había lugar a un novo fallo, argumentou que, se del dependese, o resultado sería o mesmo, porque asegura que Augusto César Marcos non conseguiu acreditar en concepto de que cobraba esa porcentaxe do 7 %.

«Tal e como se establece na sentenza (refírese á do despedimento procedente, na que xa o xuíz aclaraba que non lle correspondía cobrar o 7 %), non resulta acreditado que tal porcentaxe haxa de ser calculado, nin sobre toda a publicidade que xestionase o actor, nin sobre todo o importe neto da cifra de negocios da compaña», recolle o fallo xudicial que desestima a demanda e dá prazo para recorrer ante o TSXG.

Augusto César Marcos admite que recibiu 540.000 euros por menos de nove anos no club

O Real Club Deportivo da Coruña, a entidade que durante máis de 25 anos presidiu Lendoiro, pagou a Augusto César Marcos 540.000 euros máis as comisións de publicidade dos anos 2005 e 2006, que non especifica, polos menos de nove anos que figurou como empregado dunha das filiais do club branquiazul. Tiña unha nómina de 3.500 euros mensuais máis a comisión que os xuíces consideran que non lle corresponde cobrar. Tras crebar a empresa, interpuxo 4 demandas contra o Deportivo reclamando preto de sesenta mil euros.