O alcalde cre que a próxima semana se presentará o anteproxecto das cubertas

La Voz A Coruña / LA VOZ

TORRE DE MARATHÓN

PACO RODRÍGUEZ

Xulio Ferreiro considera que a obra suporá unha mellora para o estadio de Riazor

27 may 2017 . Actualizado ás 16:12 h.

Comeza a conta atrás para coñecer o anteproxecto de reforma das cubertas do estadio de Riazor. O alcalde Xulio Ferreiro recoñeceu onte no programa de Radio Voz Cita en María Pita que está a informar ao club de todos os pasos. «Creo que a semana que ven poderemos presentar o anteproxecto que está case rematado no prazo que nós dimos, e a partir de aí licitar proxecto e a obra de xeito conxunto, de forma que as obras se podan facer no descanso da liga do ano que ven», indicou antes de engadir que a obra permitirá unha mellora «non solo funcional, tapando parte da Preferencia Inferior, chegando ata onde a estrutura do estadio o permita, para tapar o aire que entra polos laterais e a parte de atrás, pero xa esteticamente vai quedar unha cousa máis chula», subliñou. 

Na súa comparecencia ante os medios no estadio, o presidente Tino Fernández tamén falou sobre as cubertas e manifestou coñecer o anteproxecto: «Avanzáronnos os resultados, apoiámolos e tocaralles a eles presentalo. Eles son os protagonistas e, nese sentido, estamos para axudar. É un avance o que imos ter e, polo que nos dixo o alcalde, entendo que en xuño o presentarán… pero eu creo que en canto poidan e teñan unha presentación visual farano. Apoiámolo, vémolo correcto». E cuestionado polas relacións entre o Deportivo e o Concello, contestou: «Un día son encontros e outros desencontros, co concello e con outros actores. A relación co concello é boa, vai a mellor».