O soño europeo de Mattheus

Alexandre Centeno Liste
alexandre centeo REDACCIÓN / LA VOZ

TORRE DE MARATHÓN

sporting de lisboa

«Creo que é un paso moi importante na miña vida», asegura o fillo de Bebeto tras fichar polo Sporting de Lisboa

18 may 2017 . Actualizado ás 15:13 h.

Aterrou hai dúas tempadas en Portugal para engadir ao seu fútbol brasileiro a potencia do europeo e crecer como xogador. En só dous anos xa deu o salto a un grande. Mattheus Oliveira foi traspasado esta semana polo Estoril ao Sporting de Lisboa, onde xogará as próximas cinco tempadas. «Un paso moi importante na miña vida», asegura o fillo de Bebeto .

Tras unha primeira campaña de adaptación, ao termo da cal xa recibiu algunha proposta, Mattheus quixo afianzarse no fútbol luso permanecendo este ano no Estoril. Unha decisión acertada e que agora dá os seus froitos: «Vin para crecer como futbolista e creo que o conseguín. Agora cúmprese o meu soño de xogar nun club grande do fútbol europeo. O Sporting o é. Dos máis grandes e máis coñecidos. A miña oportunidade chegou e agora quero seguir traballando e seguir crecendo», explica.

Aínda que a súa demarcación preferida é a de 10, Fabiano Soares (o exfutbolista do Compostela e o seu primeiro adestrador no Estoril) conseguiu sacar gran partido del como mediocentro. De feito é nesa demarcación na que actuou máis veces a pasada tempada e a que lle permite dar o paso ao Sporting. Unha campaña na que o mozo medio de 22 anos disputou 25 partidos de Liga , marcado dous goles e realizado outras tantas asistencias.

Agora, coa súa chegada a Lisboa confía en que iso lle poida permitir «regresar á selección», na que militou en todas as categorías inferiores. Ademais, soña con algún día poder xogar en Riazor: «Sería unha honra para min xogar nese estadio que tantas alegrías deu ao meu pai. Oxalá o Dépor volva a Europa e poida coincidirme nalgún partido ir á Coruña», sentenza feliz o novo futbolista do Sporting, que está ilusionado con disputar a Champions, despois de que o seu novo club se clasificase para a previa.