Un equipo insondable

José M. Fernández PUNTO E COMA

TORRE DE MARATHÓN

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Se Riazor tiña motivos para o enfado, onte atopou uns cantos novos alicientes. O Dépor foi un guiñapo durante media hora fronte á segunda unidade do Madrid, bordeou o ridículo durante trinta minutos nos que asistiu como un espectador máis á exhibición de Isco, Kovacevic e compaña. Sen oposición, perdeu cada un dos duelos. A resistencia branquiazul só comezou cando todo estaba perdido, cando cada ataque branco era medio gol. E talvez iso é o máis grave, da nada, con todo perdido, xurdiu un equipo con certo orgullo, un grupo de xogadores capaces de dar catro ou cinco pases seguidos, de centrar un balón con coherencia ou de, por fin, levar algún que outro duelo directo. Apenas dez minutos.

O problema non é tanto que o Dépor estea en perigo de descenso -salvo catástrofe seguirá a próxima campaña en Primeira- como que aos poucos minou a paciencia dunha bancada que non sabe a que carta quedar, incapaz de desentrañar os misterios que rodean a un equipo demasiadas veces contemplativo, brando e desesperante ata o ruborizo. Aínda que en ocasións nos faga pensar que podería ser capaz de ofrecer algo máis que asistir compracente á exhibición do rival. Como onte.