Aquel último paseo por Riazor

Xurxo Fernández Fernández
xurxo fernández A Coruña / LA VOZ

TORRE DE MARATHÓN

Pletikosa e a súa emotiva volta ao campo protagonizaron o Dépor - Real Madrid que pechou a pasada liga

26 abr 2017 . Actualizado ás 18:35 h.

-«Papi, por que me treme o queixo»

-«Iso é a emoción, Franko; polo que acabas de vivir».

A conversación, no coche, de volta a casa, forma parte dos recordos que garda Stipe Pletikosa daquela tarde feliz. A do seu único paseo por Riazor; a máis sorprendente volta ao rodo dada nunca no estadio coruñés; o epílogo a 17 anos de carreira no fútbol profesional. Foi tras unha derrota inapelable nun partido intranscendente. Co protagonista rodeado por unha afección en pé, entregada a un porteiro ao que a maioría só vira en directo unha vez.

«Todo un estadio berrando “Pleti, fica”. Levareino comigo ata o meu último día. Foi algo fantástico, tan extraordinario. O meu primeiro e último partido nese campo e a xente despedíndome dese xeito. Estou tan agradecido». O protagonista da historia revive o momento desde o seu fogar en Split, a cidade croata na que agora reside. Dunha parede no seu cuarto colga unha pequena colaxe para non esquecer. Coma se existise o risco de que se evaporara algo así. «Fíxomo a miña muller, polo meu último aniversario (en xaneiro caéronlle 38)», explica por teléfono.

César Quian

As fotos recollen todo o ocorrido en canto o árbitro puxo o final á máis recente visita do Real Madrid. Na xornada 38 da tempada 2015-2016. O Deportivo pechara a permanencia unha semana antes en Vilarreal. «O partido en si non foi gran cousa para nós porque recibimos dous goles moi pronto, aínda que aos poucos fomos gañando confianza. Pero sabes que pasa, que eu me divertín. Eu paseimo realmente ben -afirma, con ton alegre, Pletikosa-. Non só ao final, senón durante todo o encontro. Eles atacaban e eu víaos chegar e paraba todo o que podía, e vía ao meu lado a Manuel Pablo, unha institución para o equipo, un referente para min, e ao Dépor, que estaba salvado, e eu gozaba».

O meta realizou varias intervencións de mérito que non acadaron para frear ao rival. Cristiano asinou un dobrete inocuo porque a Liga levoulla o Barça, que goleou ao Granada. No seu outro encontro cos coruñeses, ao porteiro croata fixéronlle catro en San Mamés. «Calquera podería pensar que disputar só dous partidos en media tempada sería unha experiencia frustrante, pero sen dúbida non o foi para min. Todo o contrario, foi unha experiencia reconfortante, como deportista e como ser humano. Repítollo a todo o mundo. Foi incrible», reflexiona.

«Daquel día sorprendeume todo. Todo. Eu pasara só catro ou cinco meses con aqueles xogadores, os meus compañeiros, e de súpeto estábanme lanzando ao aire, manteándome. E a xente berrando o meu nome na bancada. E o meu fillo paseando ao meu lado polo campo compartindo o momento -rememora-. Como non se vai emocionar un con algo así. Como non querer xa para sempre a eses compañeiros, a eses seareiros, a esa cidade e a ese club». Un conxunto ao que segue a distancia e sobre o que fala con Borges e Manu Sotelo.

O fillo, dianteiro, «por fortuna»

En Split, Pletikosa estuda o curso de adestrador, aínda que sen intención de exercer. Ten tres bos amigos, exfutbolistas tamén (Igor Tudor, Leko e Juric) que si o son. «Véxoos e penso no duro que é ser adestrador nestes días. Non é para min, polo menos, non de momento», sostén. O seu fillo, Franko, que saíu de Riazor o 14 de maio do 2016 coas camisetas de Modric e Bale debaixo do brazo e o queixo aínda tremendo, ten sete anos pero xa empezou a xogar. «Por agora, de dianteiro. Probou na portería e decidiu que prefería ser xogador de campo, por fortuna. Eu tamén prefiro iso. Díxenlle, ‘‘mira, se non queres que che boten a culpa de todo, mellor non xogues de porteiro''», chancea o exintercional croata.

O importante para Pletikosa é que o neno viva o fútbol como el: «Nunca entendín aos xogadores que só ven nisto unha profesión. Eu creo en involucrarme emocionalmente co equipo no que estou e iso pode explicar mellor como me sentín nesa despedida. O agradecido que estarei a toda a xente do Dépor ata que morra».