¡Que isto se acabe xa!

TORRE DE MARATHÓN

24 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Houbo un tempo no que o Deportivo podía permitirse o luxo de sestear en Anoeta durante todo o partido, non tirar a porta e volver con 3 puntos na buchaca. A superioridade coruñesa era tal sobre algún dos seus rivais que só tiña que agardar o fallo. Así gañou a Liga que obra nas súas vitrinas, con partidos como o de San Sebastián no que José Félix Guerrero actuou do improvisado dianteiro do que careceu naquel duelo Javier Irureta. Pero nin este Dépor é aquel que campeonó, nin esta Real é a que flirteaba co descenso.

Por iso, a este equipo non lle serve o de agardar que os rivais lle fagan o traballo. E iso é o que pareceu que pretendía onte un conxunto indolente, carente de ambición, intensidade e, o que é peor, orgullo. Salvo contadas excepcións, semellaba que o partido non ía cos galegos. Que lles daba igual o resultado. E iso traduciuse nunha vitoria local, que non foi máis avultada porque entre Germán Lux e o desacerto donostiarra non o quixeron.

O problema é que o partido de onte xa se viu máis veces esta tempada. O Dépor vaise manter. Pase o que pase no que queda de campionato. Tres partidos de vantaxe sobre o Sporting parecen moita diferenza para que a salven os asturianos. E se logra o obxectivo non será só por demérito dos demais. Cando gañou a Liga , fíxoo coa menor puntuación da historia e iso non significa que aquel título valla menos que os actuais. Por iso, esta permanencia, aínda que sexa barata, serve igual que a que tería logrado Lotina (co descenso máis caro da historia) se sumase un punto máis. O problema é máis de actitude e de sensacións que de números nunha tempada na que o mellor que pode pasar é que se acabe xa. Canto antes pase este bochorno e a afección empece a ilusionarse coa próxima tempada, antes poderán mirar aos ollos á súa inchada uns profesionais que non están dando a talla.