Quen asasinou a Johann e por que?

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

hadri_RL

«Serramoura» busca resposta no círculo máis próximo do personaxe no último capítulo da tempada

25 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Televisión de Galicia estreará hoxe un novo capítulo da serie Serramoura. Será a partir das 22.15 horas. Xusto antes (22.00 horas), chegará á TVG unha nova entrega de Crónicas de Serramoura: as reviravoltas da serie, contados polos seus protagonistas.

No posto de mando de Serramoura todo indica que a Garda Civil está moi preto de dar carpetazo definitivo ao caso do asasinato de Johann. Pero aínda falta por aclarar o detalle máis importante: quen é o autor da morte?

Marga e Diego son conscientes de que a resposta ten que estar no círculo máis próximo da vítima, polo que Inma, a súa viúva, podería ter a clave para dar co asasino. A muller converterase no centro de todas as investigacións; saben que non deben perdela de vista nin por un momento.

Pola súa banda e nun novo intento por acabar coa viúva de Soutelo, Gloria sabe máis que nunca que, se quere quitar do medio a Teresa , debe facelo coa axuda de todas aquelas persoas que son alguén en Serramoura. Para empezar, sabe que non pode controlar os montes sen Pancho, nin a súa empresa sen Raquel. Para o de Pancho a solución podería estar en ofrecerlle unha mellora considerable nas súas condicións laborais... pero con Raquel non será tan doado.

Santos e a súa relación

Alleo aos plans de Gloria, Santos xa ten bastante con intentar manter a súa autoridade no mundo do crime. Sobre todo desde que todo o mundo sabe que mantén unha relación sentimental con Lola Rivas, a tenente da Garda Civil.

Os «serramourers» poden seguir a evolución da serie nas redes

Para estar ao tanto da evolución da serie televisiva Serramoura, cos seus personaxes, cuitas e incógnitas, os espectadores poden seguir todas as novidades tanto por Twitter como por Facebook e por Instagram. Toda a actualidade estará dispoñible para os miles de fieis serramourers tamén na propia web da produción.