«Luz Verde» explica como actuar en caso de sufrir un accidente na estrada

José Manuel Pan
josé manuel pan REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

VOZ AUDIOVISUAL

O programa producido por Voz Audiovisual e protagonizado por gardas civís emítese mañá ás 20.30 horas en TVG

23 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Un accidente leve entre dous vehículos e os condutores non se poñen de acordo. É unha situación cotiá que pode desembocar nun problema máis grave. Só un dos condutores actuará de forma correcta ante un sinistro ou avaría na estrada. Pero o comportamento do outro automobilista complicará as cousas e a intervención dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Galicia que acoden a prestar auxilio. É o resumo do capítulo 9 de Luz Verde, o programa de seguridade viaria producido por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia, que o emitirá mañá sábado ás 20.30 horas. 

Luz Verde está protagonizado por gardas civís, que neste episodio explicarán aos espectadores a forma na que se debe actuar tras sufrir un sinistro viario ou unha avaría mecánica na estrada. Cada día prodúcense millóns de desprazamentos de longo e curto percorrido e todos os automobilistas están expostos a sufrir un sinistro en circulación ou sufrir algún tipo de contratempo que obrigue a parar o coche na estrada á espera dos servizos de asistencia. 

Os axentes lembrarán que esa parada obrigatoria é unha situación de máximo risco, xa que pode complicarse se non se adoptan as medidas de seguridade necesarias. Os gardas civís, acostumados prestar servizos de auxilio na rede viaria, explicarán que facer para evitar consecuencias graves.

No episodio recréanse todos os escenarios posibles tras un accidente, desde o comportamento que debemos ter, ata a forma en sinalizar a zona, pasando polo risco que corren os gardas civís neste tipo de intervencións.