O cinto que salva vidas, esta noite en «Luz Verde»

José Manuel Pan
josé manuel pan REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

VOZ AUDIOVISUAL

O programa emítese esta tarde ás oito e media

10 jun 2017 . Actualizado ás 17:01 h.

O uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI) é obrigatorio para todos os ocupantes dun vehículo, en calquera tipo de traxecto e nas vías urbanas e interurbanas.

O cinto é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e o seu uso salvou e salva miles de vidas en todo o mundo. Protexe de saír despedido do habitáculo, pero tamén de sufrir unha grave lesión por impactar contra o parabrisas.

O seu uso nos asentos traseiros é fundamental pois nun impacto frontal multiplícase por oito a probabilidade de que un ocupante dos asentos de atrás golpee mortalmente a un pasaxeiro dos asentos dianteiros.

Un choque frontal a 80 kms/h sen levar posto o cinto de seguridade adoita levar aparellada a morte ou lesións graves que rematarán afectando á vítima e a toda a súa contorna familiar e social.

Son esas as principais ideas que quere transmitir os responsables da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Galicia no episodio de Luz Verde, o programa producido por Voz Audiovisual para TVG e que se emite ás oito e media da noite de hoxe.

 Luz Verde recrea unha escena na que se destacan os riscos do mal uso tanto do cinto de seguridade como dos sistemas de retención infantil obrigatorios para o traslado de menores nun automóbil.

 Este programa está protagonizado por gardas civís. No episodio de hoxe os axentes Héctor Teixeira, Rubén Pereira, José Manuel Sixto e o sarxento Manuel Lorenzo falarán desde a súa experiencia na estrada da importancia do cinto de seguridade.