Os riscos das motos, hoxe no programa «Luz verde»

José Manuel Pan
j. m. pan REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

VOZ AUDIOVISUAL

O programa de Voz Audiovisual emítese ás 20.30 horas en TVG

20 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A condución de motocicletas require un coñecemento profundo do comportamento do vehículo na estrada, en especial en zonas de curvas. O chasis dun motorista é o seu propio corpo e por iso un accidente de moto adoita ter case sempre consecuencias graves. Da seguridade dos motoristas vai o capítulo de Luz verde, o programa de seguridade viaria que emite hoxe, ás 20.30 horas, Televisión de Galicia.

Luz verde é un formato de Voz Audiovisual, a produtora da Corporación Voz de Galicia, no que se abordan os problemas do tráfico desde a óptica dos gardas civís que cada día traballan na estrada. Eles son os protagonistas en cada episodio e relatan en primeira persoa as súas experiencias como profesionais da seguridade viaria.

Neste capítulo recréase un día na vida dun grupo de moteiros que saen á estrada para gozar da moto, a súa gran paixón. Neste episodio de Luz verde un dos motoristas despístase e afástase do grupo, que pronto percibe a ausencia do compañeiro. Na procura contan coa axuda dun motorista de Tráfico que patrullaba a zona.

No programa de hoxe participan Manuel García, membro da directiva da Asociación Galega de Motoclubes, e os gardas civís Juan Carlos Rodríguez Bello , Rubén Pereira e Héctor Teixeira.