¡A sarxento Marga Neira vive!

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Diego Bazán reencontrarase esta noite coa súa compañeira, á que cre morta

07 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha inesperada alegría fai vibrar aos serramourers. Marga Neira vive e volveu de entre os mortos a Serramoura . O regreso da sarxento deulles aos seguidores da serie a mellor das sorpresas ao final do capítulo da semana pasada, cando se reencontrou co tenente Tomás Penedo e confesoulle que «está moi preto» de conseguir o que busca. Pero será no capítulo desta noite de Serramoura cando a axente viva o reencontro máis emotivo e inesperado co sarxento Diego Bazán, que aínda está lonxe de imaxinarse que o seu gran amor está vivo. 

O emocionante regreso de Marga Neira a semana pasada converteu á serie de Voz Audiovisual, da Corporación Voz de Galicia, para TVG no tema máis comentado da noite nas redes sociais.

Tras o angustioso rescate de Tomás, o sarxento Bazán ten claro que necesita pedir a baixa e recuperarse do todo para volver estar a pleno rendemento. Pero os seus plans frústranse cando Quique recibe unha inquietante chamada: Moncho, Raquel e o seu fillo Monchiño desapareceron sen deixar rastro algún. Diego teme que os responsables do asasinato de Marga estean detrás da desaparición, pero descoñece que está a piques de facer un descubrimento aínda maior que implica a Marga.

Mentres tanto, Santos puxo en alerta a dona Teresa . A Garda Civil ten a ambos no seu punto de mira polo roubo de madeira afectada pola praga de nematodo e aconsellou á viúva que deixen aparcados certos negocios por un tempo. Pero a muller non está disposta a renunciar aos ingresos que estes movementos lle xeran e proporá a Santos unha solución máis drástica: darlle unha lección á tenente Rivas.

Tras caer na trampa de Santos e Teresa , a imaxe da empresa de Evaristo está no seu nivel máis baixo. Nun intento por saír desta situación, Hugo decidirá chamar a Román e proporlle que se faga cargo da xerencia da empresa durante unha tempada. O que ninguén sospeita é que Román se converteu nun home de negocios, durante o tempo que se ausentou de Serramoura e agora manexalo non vai resultar doado.