A árbore de Banderas

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

TELEVISIÓN

01 abr 2017 . Actualizado ás 10:34 h.

Non hai volta nesta tendencia televisiva de agarrarse ao coxín. De agarrarse ao coxín mentres sintas no sofá ao teu entrevistado e bótasche ao lado amable da súa vida. A entrevista cómoda, con respaldo e bos apoios, atopou un oco amplo na televisión, xa sexa no chéster, no salón de Bertín ou agora no estudio da árbore da túa vida, no novo programa de Antena 3 que descobre o lado máis íntimo dos personaxes. Que vén ser unha mestura entre o de Bertín e Sorpresa, sorpresa, con algúns tics televisivos que son imposibles de borrar nestes tempos. O recurso á música en off, mentres van pasando fotografías familiares do invitado, con ese estilo tan de vídeo de voda baixo o son de Richard Clayderman, parece infalible.

Pero hai que dicir, en xustiza con Toñi Moreno, a presentadora do novo espazo, á que lle demos cana por todas partes en etapas anteriores, que con Antonio Banderas estivo ben dentro deste rolo amable que leva. Pero non caeu nin na hagiografía de Pablo Motos con Pantoja nin no punto chusquero que en ocasións se larga Bertín, que xoga a perder a memoria cando entra en temas de corazón cos seus invitados. Toñi Moreno non. Lanzouse a preguntarlle sen medo a Antonio Banderas por Melanie e os seus fillos, sen o colegueo constante, que se agradece nesta batalla entre as cadeas por dar ao mellor personaxe.