Miguelón e Paquita

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

TELEVISIÓN

28 mares 2017 . Actualizado ás 08:41 h.

Echanove vaise de Cóntame pola porta de atrás. Sen aplausos, sen unha gran despedida e sen un mínimo adeus. Despois de darlle á serie doce anos dun personaxe tan enorme como o seu nome, Miguelón, os seus xefes decidiron que non había máis por onde tirar. Que Miguelón Alcántara, o irmán comunista de Antonio, non ten máis que achegar nunha ficción que se estirou o inimaxinable con acertos magníficos, como o da propia parella de Paquita e Miguel, que desbordou os límites da interpretación. Polo menos así o expresaba Ana Arias, a gran Paquita, nunha imaxe cariñosísima na súa Instagram, ao lado de Echanove, no último día de rodaxe. Un último plano no que Ana Arias confesou que non puido parar de tremer. Demasiada emoción desbordándose, demasiados recordos e demasiada tristeza para un final que Echanove non se merecía. Non porque Miguel se fose da serie (sobre todo porque vimos como fixeron desaparecer a outros personaxes que logo volveron), non. Echanove forma parte do núcleo duro de intimidade que sostiña o clan familiar, tamén fose do estudio, ata o punto de que os espectadores confundimos ás veces se Echanove e Imanol non son irmáns de verdade. Como un Quixote e un Sancho Bandullo, xa non sabemos quen é quen. Expulsar a Echanove da ficción hanos dado un golpe insoportable de realidade.