Unha comedia visceral

Beatriz Pallas ENCADEADOS

TELEVISIÓN

26 feb 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O xénero de zombis deu moito de si no cine e explotou en televisión coa eclosión de The Walking Dead e os Camiñantes Brancos de Xogo de tronos. Era difícil imaxinar que o asunto dos mortos viventes podería estirarse aínda nunha comedia tola, e pouco compatible coa hora da cea, como Santa Clarita Diet, o renacer de Drew Barrymore.

É previsible que o usuario de Netflix pase varias veces por amais da serie no menú ata que un día decide entrar sen grandes expectativas. Agardar pouco é o mellor que lle pode pasar. O sorprendente da súa historia incoherente, transgresora e repleta de vómito e vísceras gelatinosas, é que moitos espectadores remisos acaban enganchados ás súas situacións absurdas, que insisten de novo en desmontar a vida idílica dos barrios residenciais, esta vez pola vía gore.

Nunha escena que provoca arcadas aos estómagos pouco feitos, a eterna nena de E.T. transfórmase nunha muller zombi que se enfronta ao desafío de procurarse cada día o sustento a base de vísceras e carne fresca. Aínda que ao comezo sobrevive con subministracións de supermercado, unha vez que cata a proteína humana xa non hai marcha atrás. Ela e o seu confundido marido, o mellor personaxe da serie, ven envolvidos nunha desatinada carreira loxística por comer xente e limpar o sangue.