«Non temos medo aos xigantes da ficción, intentamos facelo mellor»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

TELEVISIÓN

Álvaro Ballesteros

Cre que o modelo actual de televisión desaparecerá e imporase o uso de diferentes pantallas para ver vídeo

23 sep 2016 . Actualizado ás 07:31 h.

A televisión ten futuro, pero ten que reinventarse. É a opinión de Tone Kunst, a directora da NRK, a radiotelevisión pública de Noruega na rexión de Norland, que revolucionou os contidos co concepto slow tv, que retransmite, por exemplo, o parto duns cordeiros ou un maratón de calceta. A súa directora, Tone Kunst, estivo na CRTVG para explicar que é o que están a facer. 

-É hora de superar ou reinventar o modelo da radiotelevisión pública?

-A radiotelevisión pública é importante, pero si é certo que chegamos a través da televisión tradicional a unha audiencia de máis idade e que non chegamos á audiencia máis nova do mesmo xeito. Agora mesmo creemos que o máis importante é o on -line e móbil, e temos que contar historias doutro xeito, ter o teu propio xeito de contalo. Facemos contidos diferentes para cada plataforma. 

-Internet está a matar á televisión?

-O modelo de televisión tal e como o coñecemos creo que si vai desaparecer. Pero veremos vídeo en novas pantallas. Está a pasar agora, usamos as grandes pantallas para ver fútbol ou ficción, e as pequenas para os clips ou as noticias. Será diferente, pero non creo que nada estea a matar a nada.

-En liña son plataformas de gran éxito como Netflix. Como é a relación con estas novas formas de acceder a contidos?

-Na NRK estamos a ser capaces de competir a nivel mundial. Temos Netflix, temos YouTube, temos todas as novas plataformas a través das que acceden ao que queren. Os contidos, como Lilyhammer, Okkupert, e mesmo a slow tv e temos a capacidade de distribuílo primeiro e logo son as plataformas as que o emiten. Temos unha relación de entendemento. 

-Conseguiron competir con xigantes da produción de ficción como HBO. É posible convivir?

-Temos que intentar facer series mellores das que fan eles, e non temos medo aos xigantes. Se se fan bos produtos a xente vai querer seguir véndoo. Con iso podemos facer fronte a calquera operador.

-É a ficción, e en especial as series, unha aposta para reter á audiencia máis nova?

-As moi boas series, as que compiten a nivel mundial, son unha forma de atraer aos mozos en calquera tipo de pantalla. Tamén temos unhas webserie Skam [vergoña] con mozas de Oslo, que ademais ten un compoñente educativo porque saen situacións da súa vida. Pero como servizo público, pero a nosa misión é moito máis: é xornalismo de investigación, son primicias, e tamén programas e series.

-A BBC é un referente mundial en servizo público.

-Considerámola a irmá maior e nós somos a pequena [ri]. Pero o escenario dos medios está a cambiar enormemente e é para todos. Tamén a BBC ten que entenderse con Netflix.

-Aquí está aberto o debate sobre a politización das televisións públicas. Ocorre tamén en Noruega ?

-A verdade é que non. Os políticos non se inmiscen na independencia dos medios públicos, está completamente asumido. O director xeral escóllese por seis anos e dá igual quen estea no goberno, non cambian ás persoas cando chegan ao poder.

-Durante a crise tamén se puxo en dúbida o modelo de televisións autonómicas. Sobran as televisións rexionais?

-É moi importante ter radios e televisións rexionais para a democracia, e porque estamos preto dos telespectadores e do que ocorre na súa contorna. Creo que cada rexión debería ter a súa televisión.