«Serramoura» álzase un ano máis co Mestre Mateo á mellor serie

Sandra Faginas Souto
SANDRA FAGINAS REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

«O descoñecido», con 12 galardóns, convértese no filme máis premiado da historia desta cerimonia

24 abr 2016 . Actualizado ás 08:53 h.

Co ton festivo que caracteriza á gala dos premios Mestre Mateo, un ano máis os protagonistas do audiovisual galego celebraron ao grande o bo nivel da ficción en Galicia, que volveu destacar a Serramoura como a mellor serie, no que xa é o segundo galardón consecutivo da ficción na mesma categoría. Tras unha sonora ovación, Carlos Carballo, director de Voz Audiovisual, dedicou o premio no escenario a todo o equipo da ficción por «ser os mellores».

Reunidos no Palacio da Ópera da Coruña, desde as 22.00 horas deste sábado, e con algo de atraso, os nomeados gozaron dun espectáculo amenizado polo humor que lle puxeron os presentadores, o cómico Xosé Antonio Touriñán e a xornalista Marga Pazos, nada máis comezar: «Isto vai ir rápido, vai ser divertido, a ver, se Leonardo DiCaprio foi capaz de recibir un Óscar nun minuto e pedir polo medio ambiente, nós tamén, que queremos ser Hollywood».

A cerimonia arrincou máis como un encontro de amigos que como unha posta en escena de rivalidades grazas a un guion que pretendía minutar con precisión cada unha das intervencións e que, a diferenza doutros eventos deste tipo, permitiu o desafogo dos aplausos espontáneos. Que, como non, levou a triunfadora da gala, a película O descoñecido, que arrasou con doce premios dos dezaseis aos que aspiraba. Entre eles os de interpretación, que recaeron todos por primeira vez nun mesmo filme. Os premios foron para o protagonista, Luis Tosar, e para o actor de repartición, o ferrolán Javier Gutiérrez, que dedicou o premio a todos «os avós, os preferentistas que foron enganados».

Luis Tosar, que agradeceu o galardón a través do teléfono de Emma Lustres, é un imán para estes premios, porque se O descoñecido se converteu no filme máis premiado, faino tras superar a Cela 211, na que tamén participaba o actor. Para O descoñecido foron tamén os Mestre Mateo de interpretación feminina, para Paula do Río e Elvira Mínguez, que non asistiu á gala, pero mandou unha mensaxe reclamando papeis para mulleres maduras.

Mellor comunicador

Por segundo ano consecutivo, o premio Mestre Mateo á mellor serie web recaeu en O método sueco, e por primeira vez o presentador do tempo, Martín Barreiro, unha das caras máis coñecidas da pequena pantalla, fíxose co premio ao mellor comunicador.