«A arma invencible de dona Teresa é coñecer as intimidades dos demáis»

b. p. l. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Uxía Blanco define á matriarca do clan Soutelo, de «Serramoura», como «unha auténtica cacique sen escrúpulos que manipula a todos»

10 ene 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

É día de eleccións municipais en Serramoura. Os sondeos non presaxian nada bo para Evaristo Fiúza, o único capaz de plantar batalla ao alcalde en funcións Rogelio Fidalgo. É hora de ver se foi efectivo o apoio que tivo durante a campaña por parte de dona Teresa, a maquiavélica e manipuladora muller que defende na vila o peso do apelido dos Soutelo e a quen interpreta a actriz Uxía Blanco. Será esta noite, ás 22.30 horas en TVG. En plena xornada electoral, a vila sacudirase polo regreso do violador de Luz.

-Que supón para vostede dona Teresa coma actriz?

-A personaxe de dona Teresa supón todo un reto. Cando a directora de cásting me enviou un par de secuencias para facer a proba, ao carecer de máis información pensei que se trataba dunha historia de época pola forma de ser e pensar de dona Teresa, e así o preparei. Interesoume tanto esta personaxe que perante tres días non quixen ver televisión, nin facer cousas que eu imaxinaba que ela non faría. Vestinme cunha saia ate os pés, negra, con moño e cunha maquillaxe que me fixera maior. Pero sobre todo traballei algo que non atopo dentro de min: a súa altivez, o seu clasismo trasnoitado. Dona Teresa quere soutelizar o mundo. Carece de ética e non ten remordimentos. O seu grande valor é a conciencia de familia. Adora ao seu fillo, sufre a súa morte e traslada todo o seu amor e o desexo de supervivencia da saga Soutelo ao seu neto, ao que adora e ao que chama Souteliño.

-Di o seu sobriño que por onde pasa dona Teresa oubean os lobos e calan os nenos.

-Estou dacordo. Dona Teresa non lle ten medo a nada nin a ninguén. Sempre garda un as na manga. A súa arma invencible é saber cousas e a utiliza maxistralmente. Non ten piedade. Pero o seu neto esperta nela un amor maternal, doce, delicado e pode ter actos de xenerosidade inesperados con el e coa súa nai.

-As apariencias enganan no seu caso?

-Ela considérase especial por ser Soutelo, por ter o aserradoiro, por ter posto cartos para que os negocios de Serramoura empezasen, por ter montado a primeira escola, por restaurar a igrexa. Por outra banda, lidera o grupo de influenza das mulleres da parroquia, por iso coñece as intimidades de todos.

-É unha muller manipuladora. Hai algo que se lle resista?

-Teresa Soutelo é unha auténtica cacique. Intelixente, sen escrúpulos; manipula todo e a todos. Que decida poñer a Evaristo como alcalde de Serramoura é unha máis das súas manipulacións. Pero ten un límite claro: o amor polo seu neto. El significa a pervivencia do apellido Soutelo, do aserradoiro; representa a súa razón de vivir. Pero ademais Teresa é a gran descoñecida. Non sabemos nada da súa vida anterior nin a súa intimidade. A marabilla de traballar nunha serie coma esta é que os actores somos simples mortais que non coñecemos o noso futuro nin o noso pasado, somos os primeiros sorprendidos polos guionistas.

-A qué atribúe o éxito de «Serramoura»?

-Á conexión co público, que é o reto de todo produto audiovisual. ¡É maxia!

-Como se conxuga a mestura de actores novos coa veteranía de intérpretes coma vostede?

-A interrelación de distintas xeracións é moi enriquecedora. Afortunadamente, nesta profesión é imprescindible, porque as idades das personaxes así o esixen. Síntome extraordinariamente ben cos meus compañeiros e compañeiras. Cada día saudámonos cunha aperta. Temos un grupo de WhatsApp e axudámonos mutuamente. Hai amor nesta profesión e síntome moi afortunada por isto. Nunca penso na diferenza de idade, aprendo da xente veterana e dos mais novos. Isto é un río con afluentes. Todo contribúe a aumentar o seu caudal.

-De «Sempre Xonxa» a «Serramoura» como ten evolucionado o audiovisual galego?

-De Sempre Xonxa a Serramoura van 25 anos e o audiovisual galego pasou da prehistoria ao século XXI. Envólvenos a ilusión do cinema. Traballamos e investigamos con devoción, metémoslle horas a esgalla, somos xente inqueda, namorada do noso traballo?. e isto fai que a carreira do audiovisual galego sexa imparable.