Volve o misterio a «Serramoura»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Youtube

A segunda tempada do «thriller» de moda en Galicia arrinca esta noite ás 22.30 horas en TVG

04 oct 2015 . Actualizado ás 19:49 h.

A espera concluíu. É hora de seguir descubrindo todos os misterios que oculta a vila de Serramoura, que non remataron coa resolución do asasinato de Mónica Triás. Serramoura, o thriller de moda en Galicia, estrea esta noite (ás 22.30 horas en TVG) o primeiro capítulo da súa segunda tempada, titulado Serramoura, 1982.

O asasinato de Mónica Triáns xa forma parte do pasado de Serramoura . Pero se aquel caso foi complexo, o que agora mantén en albas aos membros do cuartel de Serramoura apunta xeitos: descuberto o cadáver da nai da sarxento Neira (Lucía Regueira) e a súa irmá Raquel (Isabel Naveira), toca pescudar quen é o asasino.

Un asasinato que foi cometido fai máis de trinta anos e que dinamitará a fráxil paz do pobo. Raquel e Marga deben retornar ao ano 1982 e buscar no pasado dos seus veciños, dos seus amigos. Unha viaxe no tempo que revelará secretos, mentiras e miserias, entre os que se atopa a clave para dar co asasino da súa nai.

Viaxe aos recordos do pasado

As primeiras pistas, que son o resultado dunha mestura de recordos e de investigación, desembocan nun sorprendente sospeitoso: o tenente Tomás Penedo (Alfonso Agra). O superior do posto de mando será investigado polos gardas que traballan baixo as súas ordes. Que lograrán pescudar os subalternos acerca do seu xefe directo?

Pero non todos os conflitos en Serramoura teñen ao cuartel da Garda Civil como escenario. Santos (Monti Castiñeiras) segue no cárcere. Alí levouno a súa torpe agresión á matriarca dos Soutelo. A partida de xadrez na que se xoga o control de Serramoura segue, e dona Teresa e Evaristo non tardarán moito en ofrecerlle un trato para recobrar a liberdade. Pero en Serramoura nada sae gratis, e algunhas cousas páganse especialmente caras.

Tamén Álex (intepretada por Sheyla Fariña) libra a súa propia batalla. A nova loita por demostrar que non foi ela quen escribiu o polémico artigo que puxo a todo Serramoura na súa contra; e pelexa tamén por recuperar a confianza do seu noivo Román (Chechu Salgado), ao que Helena axexa sen piedade.

Tampouco están as cousas tranquilas en casa dos Fiuza. O matrimonio entre Evaristo (Antonio Mourelos) e Gloria (Sabela Arán) xa é historia, pero o seu divorcio aínda non está resolto e o desenlace é aínda incerto. Como unha vez lle dixo Gloria ao terrateniente madeireiro: «Toca sufrir».

«Crónicas de Serramoura»

Xusto antes da estrea da nova tempada de Serramoura , ás 22.05 horas chegará a Televisión de Galicia un novo espazo titulado Crónicas de Serramoura, un programa no que os propios personaxes da serie guiarán ao espectador nunha viaxe polas reviravoltas da ficción.

Cada entrega, de carácter monográfico, finalizará coa emisión dun avance do capítulo que se emitirá ese día, con imaxes inéditas que servirán ao espectador de aperitivo para un novo capítulo do thriller de moda de TVG.

As trepidantes tramas de Serramoura fan que as redes sociais sexan un bo complemento para seguir a evolución de tramas e gravacións. Todas as claves están en: www.facebook.com/serramoura.serie; www.twitter.com/serramoura_tvg; www.instagram.com/serramoura.serie e www.serramoura.com.

Serramoura estivo nomeada no Celtic Media Festival a mellor serie dramática xunto a un éxito mundial como Sherlock.