Patrocinado por:

A Fiscalía da Coruña demanda a Orange por prácticas abusivas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

LECER\

BENOIT TESSIER | Reuters

Di que a operadora pide o pagamento da cota de todo o mes a quen se deron de baixa antes de acabar o período

20 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Fiscalía da Coruña entende como práctica abusiva facturar o mes completo a un cliente que comunicou a súa baixa antes de rematar ese período. Por iso interpuxo unha demanda colectiva en defensa dos consumidores contra Orange Espagne, tras detectar que a compaña realizaba ese tipo prácticas. Despois de que o Xulgado do Mercantil número dous da Coruña admitise a trámite a demanda, a semana pasada celebrouse a vista para establecer as medidas cautelares ata a celebración do xuízo, en setembro. De momento, o xuíz non as fixo públicas. Orange, pola súa banda, respondeu onte por correo electrónico que, ao ser un asunto que está en proceso e sobre o que aínda non hai sentenza, prefiren non facer declaracións.

A demanda, como adiantou no seu día o ministerio público, di que a empresa emite reiteradamente facturas contra os consumidores nas que reclama a cota correspondente ao período completo da facturación previamente determinado (normalmente mensual), a pesar de que o servizo prestado aos clientes teña rematado antes de que se complete ese período».

A xuízo dese mesmo organismo, o afectado paga dobremente porque a nova compaña contratada realiza unha facturación parcial que corresponde co período cobrado, ao seu xuízo de forma indebida, por Orange.

A investigación do ministerio público, despois de ser informado os feitos por consumidores, apunta que a operadora admitiu varias veces que a factura non se emitiu de forma correcta e anulouna como produto de numerosas reclamacións realizadas na Oficina Municipal de Información ao Consumidor do concello da Coruña. Ao mesmo tempo, como explicou no seu día nun comunicado, puido comprobar que o Instituto Galego de Consumo tramitara múltiples reclamacións contra a demandada por facturar o período completo, con independencia do momento no que se deixaba de estar coa operadora.

Ademais, engade que cada un dos expedientes que chegaron á oficina dese departamento acabaron resolvéndose cun proceso de mediación que daba a razón aos consumidores ao entender que se vulneraron os seus dereitos. Pero estes non causaron efecto disuasorio porque a empresa continuou facturando meses completos.