Patrocinado por:

WhatsApp, o baleiro legal de criminais

diego luengo / l. g. v. REDACCIÓN / LA VOZ

LECER\

Austria propón que a Policía pique mensaxes para loitar contra a delincuencia; en Galicia, os axentes non acceden aos wasaps, pero poden servir de proba nun xuízo

12 jul 2017 . Actualizado ás 07:51 h.

Tras a morte de Jimmy Romero no 2014 abriuse o debate sobre a utilización do WhatsApp como proba nos xuízos. Nese caso chegouse á conclusión de que os seareiros concertaran a hora da liorta mediante a famosa aplicación de mensaxería instantánea. Uns meses antes, a Confederación Española de Policía remitiu unha queixa ao Consello da Policía. A súa protesta baseábase na imposibilidade do corpo policial de interceptar comunicacións a través de WhatsApp . Un problema, xa que a día de hoxe hai que ter en conta que moitas actividades criminais deixaron as comunicacións telefónicas ao uso, véndose máis protexidos con este tipo de opcións.

En Austria , quixeron acabar con esta lagoa legal. O seu Goberno elaborou un borrador de lei que o que propón é que a Policía poida acceder a distintos servizos de mensaxería instantánea, como poden ser WhatsApp, Telegram ou Skype. O obxectivo é o de evitar determinadas actividades ilegais e o de axudar a loitar contra a delincuencia e o terrorismo. O borrador xa está en mans de diferentes expertos políticos, técnicos, legais e de dereitos civís para tratar de concretar o punto concreto ata o que poden chegar as forzas de seguridade. Aínda que a Xustiza de Austria xa resolveu xuízos grazas a conversacións entre aparellos electrónicos que se achegaron como proba, a nova lei implicaría un gran cambio.

Así, a Policía contaría con acceso remoto a este tipo de datos, aínda que o portavoz ministerial xa declarou que as autoridades non terán total liberdade para o seu uso. No caso de que se aprobe, terían o permiso para acceder a estas conversacións a condición de que o autorizou un tribunal ou se hai unha sospeita sobre conversacións que estean relacionadas con delitos castigados cun mínimo de cinco anos de cárcere.

Obrigados a dar información

Sen unha orde xudicial, como sucede en España, non teñen permitido revisar o contido das conversacións de WhatsApp dos implicados nunha investigación. No caso de que exista, os acusados estarían obrigados a ofrecer a información. Nalgúns casos este longo proceso é un inconveniente, xa que doutro xeito a Policía podería adiantarse na investigación.

En Galicia xa son decenas de xuízos anuais os que se resolven grazas ás conversacións achegadas como proba. A comunidade conta cada vez cun número maior de acusados por mensaxes, arquivos fotográficos e de audio que foron enviados a través destas aplicacións. De feito, este tipo de comunicacións poden ser fundamentais á hora de inclinar a decisión do xuíz.

O percorrido das mensaxes en WhatsApp é bastante sinxelo pero o seu cifrado, ao contrario, é moi complicado. Para poder descifrar as mensaxes son necesarias as claves aleatorias das que van acompañados. Co paso dos anos e actualizacións da aplicación, o que fixeron foi introducir unha maior seguridade na plataforma e polo tanto nas conversacións dos usuarios, aspecto que axuda moi pouco á Xustiza.