Patrocinado por:

Noruega apaga a FM

Javier Armesto Andrés
Javier Armesto CRÓNICAS DO GRAFENO

LECER\

29 dic 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

O 11 de xaneiro Noruega converterase no primeiro país do mundo en acabar coa radio que todos coñecemos. Ese día cesarán no país nórdico as emisións a través da Frecuencia Modulada (FM), un apagamento analóxico similar ao que viviu a televisión na primeira década deste século coa chegada da TDT. A FM, que utiliza as frecuencias entre 87,5 MHz e 108 Mhz, é a banda na que retransmiten a maioría de emisoras de radio de Europa. Aínda que nos últimos anos ha ir incorporando melloras como o son en estéreo ou a transmisión de datos vía RDS, é unha tecnoloxía obsoleta con numerosas limitacións en canto calidade do audio, saturación do espectro e aplicacións (pode transmitir poucos datos e a baixa velocidade). A solución chámase DAB (Dixital Audio Broadcasting), un estándar de radio dixital que xa funciona en numerosos países e que, ademais dunhas emisións sen distorsiones nin cancelacións do sinal, permite recibir informacións engadidas como texto, imaxes, mapas, vídeo e servizos multimedia.

Nun país como Noruega , onde levan anos preparándose, apagar a FM non é un problema. Xa teñen 22 emisoras DAB nacionais, cifra que proximamente se duplicará, e o 55 % dos fogares conta cun receptor preparado para este sistema. As radios convencionais non serven, e iso inclúe as que equipan a maioría dos automóbiles. Ese talvez é o motivo polo que en España a tecnoloxía DAB non acaba de despegar, a pesar da saturación da FM nas principais cidades.