Patrocinado por:

O CPEIG organiza unha xornada sobre o Regulamento Europeo de Protección de Datos co catedrático Miguel Ángel Davara como relator

La Voz

LECER\

O vindeiro día 25 de outubro na Escola Galega de Administración Pública

22 oct 2016 . Actualizado ás 12:53 h.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza o vindeiro 25 de outubro a «Xornada sobre o Regulamento Europeo de Protección de Datos», que contará co catedrático Miguel Ángel Davara como relator. En horario de mañá, celebrarase na Escola Galega de Administración Pública (Egap) e, aínda que ten contido xurídico, vai dirixida tanto a non xuristas como a profesionais relacionados co Dereito.

A charla versará sobre o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento xeral de protección de datos). A xornada inscríbese no convenio que o CPEIG mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). As persoas interesadas poden inscribirse en eventos@cpeig.gal.

Os asistentes afondarán na nova normativa europea sobre protección de datos que é obrigatoria en España e tomarán contacto cos procedementos a implantar por parte de empresas e Administracións. Tamén coñecerán e preverán o risco dos responsables dos tratamentos diante das sancións, que se poden elevar ata 20.000.000 euros ou ao 4 por cento da facturación. Así mesmo, afondarán nas esixencias denominadas «accountability» (responsabilidade proactiva): trátase de documentar e comprobar na práctica as competencias que levan ao cumprimento da normativa sobre protección de datos.

Despois da presentación do relator e da xornada, na que participarán a directora da Amtega, Mar Pereira; a directora da Egap, Sonia Rodríguez-Campos; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o programa desenvolverase segundo os seguintes contidos:

Programa

- O Regulamento nos actos xurídicos da UE (significado dun Regulamento)

- Cuestións a destacar no Regulamento:

- Definicións

- Principios

- Dereitos

- Obrigas do responsable do tratamento ? Encargado do tratamento

- Notificación violación autoridade de control

- Comunicación violación de datos ao interesado

- Avaliación de impacto

 - A Privacidade por Defecto (PxD) e a Privacidad desde o Deseño (PdD)

 - Medidas de seguridade máis transparentes e convenientemente informadas.

 - Accountability

 - Delegado protección de datos

- Designación

- Funcións

- Tarefas

- Recursos, responsabilidades e sancións

 O relator

Miguel Ángel Davara é doutor en Dereito e socio-fundador da firma de asesores xurídicos Davara & Davara, Asesores Xurídicos, especialistas en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.

 Catedrático de Dereito Informático e de Informática para Xuristas da Facultade de Dereito da Universidade Pontificia Comillas de Madrid (ICAI-ICADE), é tamén coordinador da Área de Informática Xurídica de ICADE.

Davara é director do Master en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de ICADE e director dos Cursos de Doutorado en Dereito Informático na mesma Universidade. Tamén exerce como profesor da materia Implicacións socio-xurídicas das Tecnoloxías da Información na Escola de Enxeñaría Informática de ICAI.

Asemade, o relator é membro do Grupo de Asesores Legais en Tecnoloxías da Información da Unión Europea en Luxemburgo (DG Sociedade da Información).