Laxeiro dialoga con outros artistas

Unha exposición establece afinidades con creadores galegos posteriores

.

vigo / a voz 21/04/2017 05:00 h

Tres institucións suman os seus fondos artísticos para facilitar un diálogo artístico entre Laxeiro e outros creadores galegos posteriores. Esta conversación pódese seguir ata o 15 de xullo na sala de exposicións do Teatro Afundación.

«As conversas son hipotéticas e abertas porque eu son o que as imaxinou», explica Javier Pérez Buján, comisario do proxecto, que contén pinturas, esculturas e fotografías pertencentes ás coleccións Afundación, Abanca e Fundación Laxeiro.

Pérez Buján, con suxestións de Paloma Vela, seleccionou unha serie de obras de Laxeiro correspondentes aos anos sesenta. «Interésanme persoalmente esas datas porque é cando Laxeiro empeza a experimentar nunha época na que remata a Modernidade e se plantexa o problema de realidade e a subxectividade», engade o comisario da exposición, que ademais é director artístico da Fundación Laxeiro.

Os conversadores co artista dezán son Pilar Álvarez Pablos, Jorge Barbi, Ignacio Basallo, Berta Cáccamo, Vari Caramés, Ton Carbajal, Caxigueiro, Xavier Correa Corredoira, Alberto Datas, Álvaro de la Vega, Almudena Fernández Fariña, Antón Goyanes, Ánxel Huete, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Din Matamoro, Tatiana Medal, Manuel Moldes, Antón Patiño, Xavier Toubes, Rosa Úbeda e Raimundo Patiño. A presenza deste último artista serviu ao comisario da exposición para establecer unha ponte intergeneracional entre os protagonistas das vangardas e os artistas contemporáneos galegos.

Nesta hipotética conversación, o comisario Pérez Buján evitou invitar as obras de artistas cunha relación evidente coa creación de Laxeiro. «Estas son conversas imposibles, pero que axudan a establecer conexións insospeitadas», engade o autor do proxecto expositivo.

Votación
2 votos
Comentarios