O alugueiro vacacional desbanca ao tradicional en áreas con tirón turístico

maría cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

XOÁN A. SOLER

Santiago censará os pisos turísticos para evitar ilegalidades como as de Barcelona

22 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O alugueiro vacacional empeza a desbancar ao tradicional nas áreas de concentración turística das cidades con gran atractivo para os viaxeiros. A batalla emprendida en Barcelona contra as plataformas como Homeaway ou Airbnb -antonte formalizaron unha tregua tras comprometerse esta última a retirar nun mes as vivendas que non tiñan licenza- é a proba indirecta dunha tendencia á alza motivada pola maior rendibilidade do arrendamento para o turismo. Entre as súas consecuencias está a proliferación dun mercado paralelo de realquileres que, segundo normativas como a catalá, non contan con respaldo legal.

Aínda que en Santiago , a cidade galega co volume de viaxeiros máis elevado, non recibiron ningunha denuncia relativa ao realquiler de vivendas para turismo como en Barcelona, o concello empezou a dar pasos para que o problema non se dea no futuro. De momento, como adiantou o Goberno local, prepara un censo de vivendas turísticas que prevé acabar «en outono» para evitar fraudes ou problemas como os detectados nos últimos meses na cidade condal.

A nova lei que regula os pisos turísticos en Galicia prohibe o alugueiro por cuartos porque, nese caso, o que o faga debe darse de alta como pensión. Con todo, o Goberno galego recoñeceu no seu día que hai un baleiro legal nos casos onde o arrendatario vive tamén na casa. No suposto das vivendas completas han de darse de alta nun rexistro.

O Goberno local compostelán prepara un mapa para situar exactamente onde está cada unha. Outro obxectivo: frear que os veciños abandonen o centro histórico. Como? Ampliando un ano máis a moratoria que suspende as licenzas para actividades turísticas no cidade vella. 

Polémica dos realquileres

En Barcelona foi a denuncia dunha propietaria a que desatou a polémica nos medios. O pasado mes de xuño a muller viuse obrigada a alugar o seu piso no barrio da Barceloneta a través da plataforma Airbnb para poder recuperalo. Arrendouno como vivenda normal, ata puxera no contrato que non estaba permitido o realquiler. Pero resultou que o seu inquilino non o quería para vivir. Só pretendía sacar tallada co turismo.

O Concello de Barcelona, como adiantaron fontes municipais, detectou entre xullo do 2016 e o 1 de xuño deste ano 316 vivendas arrendadas para vivir, pero logo eran usadas para o turismo. Estaban ilegais. Onde? No barrio modernista de l'Exaimple (un total de 103); a Cidade Vella (92), Gracia (39) e Sant Martí (34), as áreas do centro onde hai a maior concentración turística da capital.

Por que? Poida que a resposta estea en datos como que un piso de tres cuartos con 155 metros cadrados no barrio de L'Exaimple, achado onte en Fotocasa, tiña un prezo de alugueiro de 2.200 euros ao mes. Pero un cuarto na zona custaba ao día en Airbnb, nunha vivenda reformada, incluída a taxa de limpeza, custaba 113 euros.

Barcelona, unha cidade de 1.608.746 habitantes, recibe ao redor de trinta millóns de viaxeiros ao ano (18 por cada veciño). A única cidade en Galicia que podía comparar é Santiago. Cuns 95.800 habitantes, tivo o ano pasado 1,3 millóns de pasas a noite. «Uns 800.000 turistas, preto de 300.000 peregrinos e 2,5 mllóns de xente que pasa o día», apuntan fontes do concello.