Aumentan en Galicia os casos de lyme, a enfermidade causada por garrapatas

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

ALBERTO LÓPEZ

Sobe en toda Europa a incidencia dunha patoloxía que adoita ter bo prognóstico

01 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A garrapata é un ácaro vector de moitas enfermidades infecciosas. É dicir, transmíteas, e unha das máis coñecidas é a enfermidade de lyme. Trátase dunha patoloxía que causa a bacteria Borrelia e que habitualmente ten un prognóstico moi favorable se se trata de forma correcta, neste caso con antibióticos. Pero o que si detectan os expertos é que é unha patoloxía cuxa incidencia crece en Galicia e no resto de países europeos.

Por que? Probablemente porque as condicións ambientais de humidade e de temperatura favorecen o desenvolvemento da garrapata; hai un maior contacto do home coa natureza; e tamén é posible que os humanos sexan máis sensibles a esta patoloxía. «Outro factor pode ser que os médicos esteamos moito máis atentos e facemos diagnósticos mellores e máis precoces», explica Esther Vázquez, neuropediatra no Hospital Universitario Lucus Augusti e cuxa tese doutoral abordou precisamente esta enfermidade e a súa relación coas poboacións de corzos.

E aínda que poida parecer que o abandono do medio rural afasta aos galegos da poboación de garrapatas, non é así, xa que cada vez se realizan máis actividades ao aire libre e estes ácaros «non teñen por que estar no medio do monte», explica a especialista do HULA. De feito, aínda que non hai un perfil máis susceptible de padecer esta enfermidade, si poboacións de risco, como poden ser os gardas forestais, gandeiros, persoas que traballan no campo e mesmo corredores que adestran en contacto coa natureza.

Ademais, aclara Vázquez, é unha enfermidade que se cura e non reviste complicacións se se trata ben. As súas primeiras manifestacións adoitan ser cutáneas e, ao tratarse con antibióticos e diagnosticada correctamente, «ten un prognóstico moi favorable». 

Máis en Lugo

Lugo é a provincia na que se detectan máis casos, porque conflúen estes factores de contar cunha poboación gandeira da que se alimenta a garrapata, gran cantidade de arboleda e arbustos e humidade ambiental alta. A tese de Vázquez López abordaba a súa relación cos corzos, bastante comúns nesta provincia e dos que se serven este ácaro para transmitir a bacteria.

O Sergas fixo un informe estudando os casos detectados entre os anos 2000 e 2013 no que se chega ás mesmas conclusións, «semella que nos últimos catorce anos hai unha tendencia crecente para ambos os dous sexos. Presenta, ademais, unha distribución heteroxénea, mais Lugo é a provincia máis afectada, o que podería ter relación coa tendencia á focalización da enfermidade», recolle o estudo. En concreto, neses 14 anos foi necesarios hospitalizar a 132 persoas por culpa da enfermidade de Lyme, o 57 % homes e cunha media de 56 anos, o que implica unha decena de ingresos ao ano. Iso si, tal e como aclara a Consellería de Sanidade, se se diagnostica pronto e trátase é unha patoloxía que non pasa da atención primaria.

Algúns especialistas apuntan a que os casos de lyme están infraestimados e poderían ser dous ou tres veces máis dos que se rexistran. Aínda en ascenso, o Sergas lembra que a incidencia é máis baixa que noutros países que tamén fixeron estudos, como Estados Unidos, Suecia, Finlandia ou Alemaña. 

Nenos e maiores

Por áreas, as taxas máis elevadas rexistráronse en Lugo e, en concreto, nas comarcas de Terra Chá, Meira, A Fonsagrada e a Ulloa. No caso dos homes os valores máis altos detectáronse nos grupos de 65 a 74 anos e de 75 e máis, mentres que entre as mulleres se rexistrou máis incidencia no intervalo de 65 a 74 anos e de 5 a 9. É máis frecuente o seu diagnóstico durante os meses de verán.