«Estiven a piques de aforcarme, pero vir aquí cambioume por completo. Agora quero vivir»

maría cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

MONICA IRAGO

Un condenado a traballos comunitarios engánchase ao labor social e acaba facendo voluntariado

21 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Poucos son os que coñecen a Mauricio pola identificación do seu DNI, José Pérez Camba. Pero ese nome foi o que aparecía impreso no documento que o Centro de Inserción Social (CIS) remitiu á Fundación Amigos de Galicia para informarlles de que esa persoa era unha das que cumpriría a condena a 120 horas de traballo en favor da comunidade (TBC) nesta institución de Vilagarcía de Arousa.

Durante o último trimestre do 2016 (último dato reflectido na estatística de Institucións Penais) foron impostas en Galicia 823 penas dese tipo, dirixidas á rehabilitación social tras cometer algún tipo de delito. A maior parte acostuman ser por motivos de tráfico ou de violencia de xénero. O problema é que as prazas que se ofertan son escasas en relación ao número de condenas. Moitas veces, para cumprilas, hai que agardar varios meses. «O primeiro traballo que tiven foi o de pesar tapóns de plástico, deses que se recadan para colaborar con diferentes causas. Logo tamén empecei a acompañalos a buscar limóns a Salvaterra do Miño cando os doaban para a fundación... Agora fago tamén un pouco de todo. Cando precisan que axude con algo, fágoo», conta. O que empezou como unha obrigación se foi convertendo nunha forma de sentirse útil. Mauricio pasou de axudar por obrigación, para cumprir unha pena, a facelo como voluntario. Está contento, moito. El axuda e a Fundación Amigos de Galicia tamén colabora con el. Fixeron as xestións para que pronto cobre a xubilación e buscáronlle unha casa na que poder vivir con dignidade.

A construción

A vida de Mauricio non foi máis complicada que a de calquera emigrante ata que, despois de regresar a Galicia desde Suíza a finais da década dos noventa, o declive do sector da construción colleulle con máis de 55 anos. «Toda a vida traballei na construción. Estiven 22 anos en Suíza e volvín a Vilagarcía en 1998. O primeiro traballo que tiven aquí foi o pavillón de Fexdega . Despois estiven nunha empresa de obras ata que pechou. Era maior e xa non foi doado atopar de novo traballo. Despois cheguei a cobrar só a axuda. O último pagamento que me deron é de 280 euros. Hai que tirar con isto ata que me chegue o primeiro pagamento da xubilación», explica.

Un novo episodio comezou entón na vida deste home que agora ten 65 anos. Como chegou a ter que facer traballo social é outra historia. Fontes da Fundación explican que foi por un asunto menor, pero desde o departamento correspondente de Institucións Penais non lles comunican os detalles do delito cometido. Pertence ao pasado. Agora, como di, a vida halle cambiado. «Estiven a piques de aforcarme porque me desafiuzaron. Un día chegou unha carta a casa que puña que era un desafiuzamento precario...», di. A partir dese momento todo empezou a decaerse ao seu redor.

Ata o día no que, en parte por orde dun xuíz, en parte pola axuda do dono dun bar de Carril chegou á Fundación. «Foi ese último que dixo que podía ir alí a facer o traballo social», lembra. E por iso estalle agradecido, «porque a cambio de axudarlle nalgunhas cousas tamén me deixa vivir na casa que ten en Vilanova». Igual de agradecido está coa fundación: «Porque me cambiaron». Non hai máis que ver como goza da súa nova casa. E do seu xardín.