O «unboxing» de Franco

César Rodríguez Pérez
César Rodríguez XOGO DE TRONOS

SOCIEDADE

12 may 2017 . Actualizado ás 09:03 h.

O Congreso en pleno aprobou pedir ao Goberno a exhumación dos restos do ditador Francisco Franco do soado Val dos Caídos, símbolo inequívoco e mausoleo tenebroso dunha época máis ominosa. A proposta foi do PSOE. E ninguén votou en contra. Só se abstiveron o PP e ERC. Por distintos motivos, claro.

A noticia, dilatada no tempo por cuestións dos ritmos parlamentarios, correu despois como a pólvora nas redes sociais. Moitos lanzaron fogos artificiais, outros, os menos, lamentáronse, a maioría calou. Quizais porque o ditador non conseguiu no seu día deixar todo atado e ben atado e a sombra que proxecta hoxe é bastante escasa. Talvez porque moita xente se deu conta de que este tipo de mocións acaban sendo pouco máis que brinde ao sol, que non obrigan a nada ao Goberno e que, unha vez máis, todo queda en mans de Rajoy.

E que fará o presidente? Pois parece difícil que faga caso á proposición. E aínda máis que haxa sepultureros que poidan contar aos seus netos que eles fixeron o unboxing de Franco. Entón, para que serviu? Pois para reabrir o debate sobre a memoria histórica, facer un pouco de esgrima parlamentaria, alborotar as redes... E comprobar que aínda hai quen ten moitísimo respecto ao pasado.