Máis de 150 investigadores estudarán a complexidade do territorio en Galicia

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Santi M. Amil

Pretenden dar solucións a problemas como os incendios, o despoboamento ou o feísmo

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

É xa habitual no campo da investigación en Galicia que nazan grupos estratéxicos e multidisciplinares en áreas de ciencias, pero non o é tanto que se creen agrupacións misceláneas nas que hai enxeñeiros e economistas, pero tamén historiadores e filólogos. O nacemento do grupo estratéxico BETA+, que foi presentado onte na Facultade de Económicas de Santiago, supón un gran paso nese aspecto, porque implica a unión de 19 grupos consolidados de investigación que sumaron saberes e recursos para dar resposta á complexidade do territorio en Galicia, de tal xeito que porán a disposición das administracións, pero tamén da sociedade en xeral, estudos relacionados co despoboamento, a xestión dos recursos naturais, a bioeconomía, o envellecemento da poboación, o impacto do turismo, os incendios, a conservación do patrimonio ou o feísmo, cuestións todas que están interrelacionadas.

Unha das claves do que ocorre en Galicia achegouna o historiador Lourenzo Fernández Prieto, que presentou este novo grupo -que aspira, co tempo, a converterse nun centro singular de investigación-, xunto coa economista María Loureiro e o filólogo Elías Torres. «Hai 40 anos o que quería Galicia era desenvolverse, agora que xa está desenvolvida temos que atender o noso propio éxito», e sobre a xestión dese desenvolvemento e a resolución dos problemas que provocou virarán os estudos de BETA+.

Cada grupo traballará e publicará as conclusións dos seus traballos; pero ademais, ponse ao servizo de institucións, comunidades de montes e veciños para axudarlles na resolución dos problemas en torno ao territorio. En total, son máis de 150 expertos, a maioría da USC, pero tamén doutras universidades e centros de investigación.