«Ás veces pido adiantos ao banco para comprar carne para o neno»

maría cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Capotillo

Tres de cada dez galegos chegan con «certa dificultade» a fin de mes, segundo o INE

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Galicia é, xunto con Asturias, Aragón e Castela-León, unha das catro comunidades españolas nas que menos persoas chegan con «moita dificultade» a fin de mes. Só o fan un 5,9 %, unha porcentaxe que en Canarias chega ao 36 % e en Andalucía ou Valencia supera o 25 %. Pero ao mesmo tempo, as familias galegas son as que han de facer máis contas para que os seus salarios lles permitan salvar os números vermellos a medida que se achega fin de mes. Porque, como di a última enquisa de condicións de vida das familias publicada onte polo Instituto Nacional de Estatística e correspondente ao 2016, un 33,2 % dos galegos chegan «con certa dificultade ao día 30 ou o 31», un 3 % máis que un ano antes. Organizacións solidarias como Amigos de Galicia ou Cáritas observan, ademais, que cada vez son máis os traballadores que solicitan a súa axuda para poder acabar o mes. Con todo, a porcentaxe de poboación con risco de pobreza -presentas que non acadan o 60 % de ingresos medios- en Galicia está, tomando como referencia os datos de ingresos do 2015, na 19 % fronte ao 22,3 % de media no conxunto do Estado.

A pontevedresa Isabel Carmuega Nerja pasou dunha categoría a outra da estatística en pouco tempo. Hai anos, cando ela e o seu marido traballaban, ían capeando o temporal como calquera familia de clase media. O seu esposo, que non cobra nada desde hai dous anos, está a agardar a que lle concedan unha discapacidade. Os seus achaques non lle permiten traballar no mantemento de transformadores como adoitaba facer. Ata o pasado xaneiro, ela traballaba no sector da limpeza, pero quedou no paro. Cobra 375 euros ao mes porque os únicos traballos que logrou nos últimos cinco anos eran por poucas horas. Diso han de tirar os catro membros da familia. «Con 375 euros resulta imposible chegar a fin de mes. Somos o meu marido, un neno de 7 anos, máis outro de 24 que empezou a traballar hai dous días», conta ela, que cumpriu os 47 anos.

Gustaríalle atopar un traballo. Ten referencias no servizo de limpeza, como camareira de piso, no coidado de persoas maiores ou tamén como axudante de cociña. Quería regresar ao mercado laboral para formar parte de, polo menos, ese 33 % de galegos que chegan con certa dificultade a fin de mes. Aínda mellor sería estar entre o máis do 40 % que non teñen problema co diñeiro. Pero, de momento, ten que recorrer á solidariedade da Fundación Amigos de Galicia.

E como fai para vivir con 375 euros ao mes. «A Fundación axúdame coa comida e mesmo colaborou para que comprase unhas lentes. Vivimos nunha vivenda protexida da Xunta na que pagamos unha renda de 117 euros, máis outros 74 de comunidade. Ás veces teño que pedir un adianto ao banco para comprar carne porque o neno ten que comer de todo. A verdade é que con eles non tiven problema», di.

Fontes da Fundación Amigos de Galicia axudan a cada vez máis persoas nun estado parecido. O problema, din tamén, é que «hai moitos traballadores que cobran entre 800 e 1.000 euros ao mes, un soldo que ten que manter a unha familia enteira. Por non falar dos que só cobran 500 ou 600 porque teñen empregos a media xornada que en realidade lles ocupan o día enteiro». Esas familias son as que Cáritas chama «traballadores pobres». Desde fai uns catro anos, din fontes da entidade en Galicia, detectan como esas familias traballadoras con salarios baixos tamén se achegan a Cáritas para pedir algún tipo de axuda. Fano a medida que avanza o mes. Isto que ocorre en Galicia non parece moi diferente no resto do Estado, onde o 22,3 % das persoas están en risco de pobreza.