Un de cada tres nenos atendidos por Cruz Vermella pasa frío en casa e o 12 % das nenas nunca sae a divertirse

La Voz A Coruña / LA VOZ

SOCIEDADE

ÓSCAR CELA

Os datos corresponden ao primeiro informe que recolle a voz dos propios menores sobre a familia, a situación económica, o colexio, os amigos ou o seu propio benestar emocional

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Catro de cada dez nenos atendidos por Cruz Vermella en Galicia viven en fogares onde ningún adulto ten un traballo estable de polo menos 20 horas semanais. Un de cada tres pasa frío en casa, máis do 42 % non ten diñeiro para ir ao dentista, o 38 % non vai a actividades extraescolares. O 55 % carece de teléfono móbil e só o 57 % dos nenos está estudando o curso que lle corresponde á súa idade.

Os datos proceden dun estudo sobre A situación da infancia en vulnerabilidade social en Galicia elaborado por Cruz Vermella a partir de enquisas realizadas a 500 nenos de entre 8 e 14 anos aos que a organización atende dentro do progama Promoción do Éxito Escolar. Trátase do primeiro informe que recolle a voz dos propios nenos sobre a familia, a situación económica, o colexio, a alimentación, os amigos ou o seu propio benestar emocional, unha cuestión que obtén moi bos resultados -nove de cada dez din que son felices-, a pesar de que todos pertencen a familias en risco de exclusión social cun nivel de ingresos por baixo do limiar da pobreza.

O estudo tamén revela importantes diferenzas por xénero. O 59 % das nenas axudan todos os días en casa, fronte ao 42 % dos nenos que o fan. O 71 % dos nenos manifestan estar moi contentos cos seus corpos, fronte ao 61 % das crías. Tamén elas son maioría (o 58 %) entre os que non almorzan e 12 nenas de cada cen nunca saen a divertirse fóra de casa.