Imaxe:

A tapa deseñada por nai e fillo que tomba barreiras sociais

Hugo Rodríguez Do Río, de 4 anos e con parálise cerebral, triunfa no concurso de cociña de Aspace


pontevedra / a voz

Unha tapa pode servir para moito máis que para saciar a fame xunto a unha cana. É o que pensou a Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns (Aspace-Galicia) ao convocar un concurso gastronómico. A edición deste ano ten gañadores desde outubro, pero o resultado en forma de tosta pódese degustar desde hoxe e ata o 30 de abril nun restaurante de Pontevedra. Ese bocado, que ten un custo de 2,5 euros, ten un fin solidario. E é que 1 euro de cada tapa destinarase á adquisición de material adaptado para usuarios de Aspace.

Hugo Rodríguez do Río, un neno de 4 anos con parálise cerebral, e a súa nai, Carmen Do Río, conseguiron que a súa tapa, denominada Tosta ENM, fóra a máis valorada polo xurado. A Hugo, que cumprirá 5 anos en agosto e estuda no CEIP A Laxe, de Marín, gústalle a cociña. Talvez teña moito que ver que a súa nai traballe como pique de cociña na Escola Naval Militar. «Levamos un ano na asociación Amencer de Pontevedra e animámonos a participar para que a xente saiba que os nenos e os adultos con parálise cerebral saben facer cousas e gozan unha chea», comenta Carmen.

Ampliar imaxe

A receita que trasladou ao Restaurante Román de Pontevedra inclúe cogomelos, lagostinos, ovo, xamón serrano, cabaciña e unha salsa de castaña. Hugo, relata a súa nai, foi o «protagonista total» do prato elixido polo xurado como o mellor dos 22 que competiron. «Era o máis pequeniño e non se metía no lume, pero tivo unha participación moi activa, batía os ovos, engadía os cogomelos...», recorda Carmen. Para este tándem culinario ter gañado o concurso foi unha sorpresa.

«Non mo esperaba. Ao principio non sabía o nivel da xente. O noso emplatado estaba coidado, pero non probei as outras tapas», sinala Carmen. Á hora de bautizar a súa tosta tivérono claro. Viven en Marín, ela traballa na Escola Naval Militar e alí desenvolveuse unha das eliminatorias do concurso: «Eu non era cociñeira ata que cheguei á Escola Naval, onde levo cinco anos traballando». Nai e fillo teñen claro que antes do 30 de abril pasaranse polo Restaurante Román para testar a tapa que eles deseñaron. «Iremos a probala, claro. A receita é igual, pero atopar a crema de castaña é difícil». Esperan que moitos se animen a degustala.

Votación
8 votos
Etiquetas
Aspace Escola Naval Militar Marín Pontevedra cidade
Comentarios