Elas pisan forte no mundo do viño

Foro Voz reúne en Cambados, Cidade Europea do Viño, a cinco profesionais do sector vitícola para analizar o papel que a muller desempeña na cultura enológica


cambados / a voz

 «Este é o momento das mulleres. Formamos parte dunha xeración que está mellor preparada que ningunha e estannos empezando a dar oportunidades». Quen fala é Katia Álvarez, enóloga de Adegas Martín Códax e unha das dez mellores da súa profesión en España, segundo a web inglesa The Drink Bussines. Ela será un das cinco participantes no Foro Voz que o xoves, día 27, celebrarase no marco de Cambados Cidade Europea do Viño. O municipio arousán acollerá un debate no que quedará claro que o colectivo feminino ten moito que dicir na vinicultura actual. 

A muller sempre estivo presente no sector enológico. Pero o seu era, como en tantos outros ámbitos, un papel aparentemente secundario, limitado ao coidado da vide e á recolección da uva. Esta imaxe é cousa do pasado. E aínda que queda moito por facer, cada vez son máis as mulleres que conquistan postos tradicionalmente reservados aos homes. As cinco profesionais que contarán a súa experiencia en Foro Voz non só conseguiron chegar arriba; tamén triunfaron. É o caso de Katia Álvarez e de Paula Fandiño, dúas enólogas que destacan na súa profesión ata o punto de figurar entre as dez mellores de España. As dúas dirixen os departamentos de enoloxía das súas respectivas adegas, MartínCódax , no caso de Álvarez, e Mar de Frades, no de Fandiño.

Estas dúas profesionais compartirán debate cunha das poucas presidentas de cooperativa en Galicia. Porque, aínda que as mulleres son maioría entre as socias deste tipo de organizacións, de cando en cando ocupan os seus postos relevantes. En Condes de Albarei son conscientes diso, e levan anos ofrecendo formación ao colectivo feminino para que se atreva a desempeñar cargos de responsabilidade. A súa iniciativa abriuse camiño e Dolores Calvo é a súa presidenta.

Nun mundo de homes móvese tamén Esther Daporta. A cambadesa dirixe a sala no restaurante Yayo Daporta e recibiu recentemente o premio á mellor catadora de Galicia, que outorga o Instituto Galego do Viño. Será outro das participantes no Foro Voz, xunto a María Fernández Tesouro, bloguera gastronómica e influencer. Moderado pola directora de Voz Audiovisual, Fernanda Tabarés, o debate dará comezo ás oito da tarde, no auditorio da Xuventude. A entrada é libre ata completar aforamento. A iniciativa está patrocinada pola Deputación de Pontevedra, o consello regulador de Rías Baixas e Condes de Albarei. Conta, ademais coa colaboración do restaurante Pandemonium, Conservas de Cambados e as adegas Mar de Frades e Martín Códax.

Votación
5 votos
Etiquetas
Martín Códax Deputación de Pontevedra Rías Baixas Cambados A Peroxa Gastronomía
Comentarios