Os galegos poderán usar desde maio un desfibrilador guiados polo 061

María Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

MONICA IRAGO

A comunidade disporá dun rexistro de aparellos ao que poderá accederse cunha «app»

11 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Galicia tiña instalados onte 1.146 desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) fose do ámbito sanitario. «Iso é hoxe, pero poida que mañá o número teña aumentado. A sociedade galega está cada vez máis concienciada co uso destes aparellos», di o director do servizo de urxencias 061, José Antonio Iglesias Vázquez.

A intención, como avanza, é que sexa cada vez máis xente a que aprenda a manexalos, ademais de que no futuro cheguen mesmo a instalarse nas comunidades de veciños, porque, como di, «canto máis rápido actúese, máis posibilidades de recuperación hai». E engade que, ante unha parada cardíaca en fibrilación ventricular, a recuperación resulta superior a un 90 %. Pero por cada minuto que pasa as posibilidades de recuperarse baixan entre un 7 e un 10 %. Aínda que o ideal sería acudir a un curso de formación para coñecer o seu uso, dado o caso calquera galego pódeo utilizar guiado polos sanitarios do 061.

O decreto publicado onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) para regular o seu uso establece uns lugares onde sería recomendable a súa existencia: centros comerciais, aeroportos, portos, estacións de autobús ou de tren, centros deportivos, lugares ou espazos que acollan algún tipo de evento, locais onde haxa un risco de que se produza unha parada cardíaca, centros escolares ou calquera zona onde resulte recomendable ter preto algún. 

A área de servizo de Reza, situada preto das termas públicas de Ourense, é un deses lugares polos que, como di o seu xerente, Jesús Vázquez Piña, «pasan moitos camiñantes ou ciclistas, factor polo que no 2014 decidimos telo, aínda que nunca o usamos». Foi a primeira área de servizo de Galicia e a segunda de España en telo.

Pero como saber onde está o aparello máis próximo? Haberá un rexistro que poderá consultarse a través da aplicación Urxencias 061 para saber onde está cada un. Ademais, o Sergas, o 061, a Sociedade Española de Cardioloxía e a Cruz Vermella puxeron en marcha o programa Acode e Axuda, no que un centenar de voluntarios adestrados en técnicas de reanimación e uso do DESA poden saber por medio dunha aplicación onde requiren a súa axuda e onde estaría o desfibrilador máis próximo. 

Formación

Pero outra das novidades que implica o novo decreto, que entrará en vigor en maio, é que calquera entidade que cumpra cos criterios que pauta o Consello Español de Resucitación Cardiopulmonar poderá dar formación sobre o uso destes desfibriladores. «A idea é formar a cada vez máis xente. De feito, hai un ano acordamos coa Consellería de Educación dar esa formación nos centros de secundaria de Galicia, pero agora tamén estamos desenvolvendo o Proxecto Anxos para saber a partir de que idade pode xa empezarse a dar formación aos alumnos. Aínda que hai estudos sobre cando o fan noutros países como Dinamarca, os nenos galegos non son daneses», di o director do 061.

Galicia foi a primeira comunidade española en usar o DESA no 2001. Desde entón, ata o 2015, aplicouse a 5.046 pacientes. Nun 26,3 % dos casos o desfibrilador fixo unha descarga porque puido comprobar que era necesario.

O 8 de maio haberá unha proba de Acode e Axuda

A praza do Obradoiro, en Santiago, acollerá o 8 de maio un simulacro do programa Acode e Axuda. A proba activará o protocolo previsto unha vez que chega ao 061 unha chamada de urxencia. Mentres acode unha ambulancia, os voluntarios adestrados no uso do desfibrilador saberán onde está o enfermo e irán socorrelo tras localizar o DESA.