Un sistema de sensores para previr o mildiu na vide

Laura García del Valle
Laura G. del Valle REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Josman Pérez opta ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado de Informática

07 feb 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Creceu entre viñedos. O seu avó e o seu pai tiñan un, pero el, a priori , non seguiu a saga. Josman Pérez decidiu estudar Informática, pero non tardou moito en vincular a tradición familiar aos seus coñecementos tecnolóxicos, que agora lle valeron para optar ao premio Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado. Aínda que el xa conseguiu a súa meta: «Crear un sistema fiable, sinxelo e económico para que persoas da contorna rural con viñedos poidan previr a aparición de enfermidades nas vides», explica Pérez.

«Controlar os factores que afectan directamente ao desenvolvemento da vide é sumamente importante», comenta o informático. E engade: «O principal obxectivo da tecnoloxía e a integración da mesma no noso día a día é lograr que esta xogue un papel importante no desenvolvemento de actividades da nosa contorna». Así, Pérez púxose ao choio para conseguir desenvolver un sistema que permitise mellorar o volume e a calidade da produción «ao mesmo tempo que reducimos custos e minimizamos o impacto ambiental polo uso excesivo de tratamentos químicos».

Josman Pérez estivo case un ano dedicado a esta iniciativa, que agora compite con catro proxectos máis polo galardón e que está patrocinada por Everis, Grupo Voz, Indra, ITG e Telecom e na que colaboran a Citic e FUAC. A pesar das horas que lle dedicou ao traballo, Pérez considera que estivo máis que ben investido, sobre todo porque puido estar inmerso nel a partir de febreiro, «cando a enfermidade, ataca, así que me coincidiu perfecto», afirma.

O sistema desenvolvido utiliza nodos independentes e autoalimentados -polo que non requiren conexión á rede eléctrica- despregados ao longo do viñedo. Estes nodos contan con varios sensores que permiten monitorizar os factores atmosféricos. Ademais, mediante a utilización de diferentes algoritmos sobre os datos «podemos ser capaces de desenvolver un plan de control personalizado da principal ameaza á que se enfrontan os produtores galegos, o mildiu».

Para favorecer a comodidade dos usuarios á hora de utilizar o sistema, «poden acceder á páxina web para comprobar os datos e xerar alertas, que lles notificarán vía mensaxe as medidas que se deben levar a cabo en cada caso».

Na actualidade, o sistema aínda non se comercializa, xa que quere «agardar dous ou tres anos para ver resultados máis concretos», comenta Pérez. Con todo, non lle cabe dúbida de que a súa idea é «altamente escalable. Pódese extrapolar perfectamente a outros sectores como unha plantación de patacas ou tomates», mantén este informático.