Só se tratan os síntomas agudos

Manuel Soto TRIBUNA

SOCIEDADE

30 dic 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

 O transporte motorizado, a industria, a queima de combustíbeis e residuos, contaminan o aire que respiramos. Na Galiza, a pesar das recentes reducións, as centrais térmicas e a industria seguen a ser a principal fonte de emisións hoxe en día, só superada polo tráfico rodado nos ámbitos urbanos. A incineración e o vertido de residuos viron incrementadas as emisións rexistradas, nun 400 % na provincia da Coruña entre 2004 e 2015, non tanto porque antes fosen baixas, senón porque escapaban ao rigor dos sistemas de medición. Un detalle sen importancia (?), pois a mensaxe oficial trata de facernos ver que todo está controlado, que contamos cos procedementos de prevención axeitados. Aí temos as ocasionais limitacións ao tráfico en cidades de todo o mundo, co peche de rúas á circulación, a prohibición do uso dos vehículos menos eficientes, ou a circulación alternativa de matrículas pares e impares. Medidas de urxencia que só tratan os síntomas agudos, algunhas inxustas porque penalizan a quen ten menos recursos económicos, e condenadas a se repetir un e outro ano. Calmar o tráfico, peonalizar as cidades, facilitar o uso do transporte colectivo e a bicicleta son as medidas imprescindibles. O camiño iniciado por Pontevedra e o que se debe afianzar e expandir. Mentres non comecemos ese camiño, o ruído da confrontación fainos esquecer o importante: a nosa saúde. Os límites da actual lexislación europea duplican os considerados como necesarios pola OMS. Segundo estes, a metade da poboación galega respira, respiramos, aire contaminado.