A reválida de sexto: seis semanas para informar as familias

s. c. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

XAIME RAMALLAL

O ministerio deu a coñecer onte as claves do exame de acordo coas comunidades

20 ene 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando remate este curso, os alumnos de sexto de primaria de todo o país -se o próximo Goberno non elimina a Lomce de forma fulminante- terán que someterse á Avaliación Final de Educación Primaria, ou reválida de sexto, como se deu en chamar. O ministerio deu a coñecer onte as claves do exame de acordo coas comunidades.

Materias a examinar

Tal e como se fixo na proba do pasado ano, analizaranse as competencias lingüísticas (en Castellano e primeira lingua estranxeira, que en Galicia é Inglés), Matemáticas, Ciencia e Tecnoloxía. Desta última materia tratarán: iniciación á actividade científica, o ser humano e a saúde, os seres vivos, a materia e a enerxía, e a tecnoloxía, os obxectos e as máquinas.

O galego -do mesmo xeito que o resto de idiomas propios- non está contemplado no exame, pero si se pode incluír: «A área de competencia en comunicación lingüística -di o informe- valorará, como mínimo, o grao de adquisición da competencia en lingua castelá e na primeira lingua estranxeira».

Tal e como protestaron pais e profesores, non aparecen materias de xeografía nin historia, e tampouco se examinarán sobre as súas competencias en deportes, artes ou ética.

Días da proba

Defíneas cada comunidade, pero proponse un estándar: dúas xornadas divididas do seguinte xeito: primeiro día, exame en Ciencia (de 35 a 45 minutos), descanso, Matemáticas (de 35 a 45 minutos), descanso, Castellano (comprensión oral e escrita, de 40 a 55 minutos), descanso e Castellano (expresión escrita, de 35 a 45 minutos); o segundo día, co mesmo ritmo de descansos, Inglés (comprensión oral e escrita), Inglés (expresión escrita), Matemáticas e Ciencia.

Tipo de preguntas

Presentaranse en cadernos pequenos, como nas probas xa realizadas. Preferentemente, as preguntas terán respostas pechadas -por exemplo, catro opcións tipo test- para facilitar o exame aos nenos e a corrección.

Informe e revisión

Aconséllase que no prazo de seis semanas as familias teñan o informe do seu fillo, que poden pedir que se revise. Servirá de orientación para o seu colexio, titores e familia, e tamén para o colexio onde curse a ESO, se é diferente, claro. O informe global por centros entregarase ao comezo do seguinte curso.