A mellor tapa galega ten espírito oriental e porco celta

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

XOÁN A. SOLER

O ferrolán Gonzalo Pérez gañou o primeiro concurso de petiscos entre cociñeiros das sete grandes cidades

01 abr 2015 . Actualizado ás 15:54 h.

A que sabe a mellor tapa de Galicia? Esta incógnita quedou despexada onte cando un xurado composto por expertos gastronómicos e simples consumidores tivo que elixir entre as sete propostas expostas por outros tantos cociñeiros, que xa gañaran un concurso previo e que traballaron ante o público, presentando os seus produtos e explicando o porqué da súa elección.

A mellor tapa de Galicia neste primeiro concurso organizado pola Axencia de Turismo de Galicia foi a elaborada polo ferrolán Gonzalo Pérez, do restaurante Frank. O seu Roliño vietnamita de porco celta e lagostino conquistou ao xurado profesional, mentres que o público quedou coa aposta de Lugo, a Pescada de Celeiro e bocabits de luriña e xeado de tomate, de Álvaro Villasante, do local Paprica. Tamén houbo un premio á mellor tapa combinada con cervexa dalgunha das marcas de Estrella Galicia. Un xurado da propia empresa elixiu o petisco atendendo á maridaxe coas súas cervexas. E a elixida foi a compostelá: unhas Moegas de tenreira con cogomelos e Touza Vella, elaboradas por Lucía Freitas e Nacho Tenro, da Tafona Casas de Xantar.

Nos dous primeiros casos, o premio implicaba a entrega dunha figura conmemorativa, mentres que os gañadores do terceiro concurso levaron un agasallo moi diferente, o seu peso en cervexa.

Petiscos para todos os gustos

O público tamén probou o «Taco de osobuco asado a baixa temperatura con crema de pataca e trufa», do Spoom; unha «Versión de empanada de bacallau» do Cafetín; un «Crocante de bacallau, marmelo de pementos de Arnoia e parmentier de pataca», da Contenta; e un «Biscoito de chocolate, xitake, escuma de níscaros, saquiño de carrilleiras e queixo do país», de Tapa Negra.