O radiocasete

Tamara Montero CATRO VERDADES

SANTIAGO CIDADE

27 jul 2017 . Actualizado ás 22:27 h.

Hai moitos Santiagos. E moitos xeitos de mirar Santiago. Está o Santiago do estrés, de alancar, de mirar para o chan poñendo cara de concentración, de moita concentración, porque un ten pouco tempo e moito para pensar. E diante dos ollos van pasando os debuxos das beirarrúas. Os hexágonos. As lousas lambidiñas da zona vella. Ou esas que teñen relevos redondiños. Está tamén o Santiago de ir de paseo. De ir lambendo un xeado aos poucos mentres a brisa da tarde refresca a cara. O Santiago das fachadas. E atoparse con piñeiros de San Martiño Pinario, e coas cunchas da Catedral, e coa pomba da confraría do Espírito Santo. Está o Santiago do coche, que non é máis que asfalto mesturado con algunha pitada. E está o Santiago do transporte urbano cando vas sentado e con algo de calma. E colles o 11 para ir para a casa. E para no semáforo de diante de Zara. Alí está a familia da fachada. Ela, co pano na cabeza, falando coa cativada. Colle do brazo ao pequeno. E el, o pai. O pai. E os ollos de adulto que rematan coa interpretación bonita, a da infancia. E a man dereita cara a arriba. E na esquerda, a caixa de ferramentas. Que ata este mesmo momento, co bus a piques de chegar á seguinte parada, era unha radio. Como a que tiña a avoa na casa. Con botóns da fronte, para darlle para atrás, para adiante e dicirlle que parara. E ao pai de pedra pónselle a cara cansa. E xa non lle di aos pequenos imos poñer música de camiño para a casa. E a nai xa non se está botando co neno a bailar. E tamén parece esgotada. Tantos anos co radiocasete. E agora, de maior, non é máis que unha caixa. E o semáforo ponse en verde. E marchas algo anoxada.