Os acreditados piden que se anulen as cátedras convocadas

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

SANDRA ALONSO

Aducen irregularidades no proceso e retoman as mobilizacións para esixir unha nova convocatoria

27 jul 2017 . Actualizado ás 23:38 h.

A coordinadora de acreditados a cátedra dirixiuse por escrito ao vicerreitor de Profesorado da USC, Luis Lima, cunha alegación conxunta dos profesores que están a agardar por unha praza de catedrático. No documento solicitan a anulación do proceso de convocatoria de dez prazas, ao entender que concorre nunha serie de irregularidades.

Ademais de considerar que as dez prazas son insuficientes para unha universidade como a de Santiago, creen que o proceso se convocou con présas e nun mes, o de xullo, no que a maioría dos afectados carecen de tempo para presentar a documentación que se lles require. Denuncian, ademais, dificultades para acceder aos expedientes, así como falta de criterio na baremación dos aspirantes e outras supostas irregularidades que figuran na alegación presentada.

No escrito pídese, ademais dunha nova convocatoria de prazas «unha vez que se subsanen todos os vicios expostos», que se respecten as garantías de publicidade e acceso á información que, segundo eles, no actual proceso non se teñen en conta.

Concentración

Para que quede clara a súa postura, os acreditados a cátedra -é dicir, os profesores da USC que superaron o proceso para aspirar a unha praza, e que en Santiago roldan o centenar- retoman as mobilizacións realizadas ao longo deste curso. Mañá, como xa fixeron noutras ocasións, concentraranse ante o reitorado, e non descartan, se é necesario, emprender accións xudiciais contra o proceso aprobado polo equipo reitor.