Raxoi reclama a nulidade da hipoteca da entreplanta

Silvia Gómez / x. m. SANTIAGO/ LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

O PSOE ve inexplicable por que non recorreu o decreto en prazo

20 jul 2017 . Actualizado ás 14:24 h.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), anunciou que o Concello xa solicitou a nulidade do procedemento de execución hipotecaria da entreplanta municipal de Xeneral Pardiñas. Ao mesmo tempo, o goberno local logrou paralizar preventivamente a poxa polo inmoble.

Ante as acusacións de inmobilismo por parte do PSdeG-PSOE, o rexedor defendeu que «en ningún momento se lle comunicou ao goberno ese procedemento nin como se substancia o recurso ata hai un mes». Ademais, achacou esta situación límite á desestimación da hipoteca por parte dos sucesivos gobernos, debido ao seu carácter de nulidade. Noriega recoñeceu que esta nova vía xurídica pola que se solicita a nulidade da hipoteca ábrese «sendo conscientes de que se tiña que ter tomado moito antes». En canto á opción de recorrer o decreto de desafiuzamento, considerou que «esa vía xa era estéril» debido a que se requirían defectos formais que o decreto non tiña». Tamén aclarou que se prevé un gasto en honorarios de 2.500 euros en razón do contrato de servizo xurídico externo, e non os miles de euros estimados polo PSOE.

Pola súa banda, o portavoz local socialista, Paco Reyes, compareceu tamén onte e lembrou que «o alcalde non respondeu ás preguntas expostas no día anterior». Sostén unha versión diferente da situación, alegando que en decembro do 2016, o servizo xurídico do Concello presentou a listaxe actualizada de procedementos en curso, no que, di, «figura a poxa do inmoble». Engade que «así que como moi tarde nesa data Compostela Aberta tivo coñecemento e non tomou medidas». En canto ao custo da contratación do bufete privado, lembra que «non é unha cantidade fixa, poden ser 2.500 ou 100.000 euros».