O Cibus probará 1.200 fármacos para tratar lesións medulares

j. g. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

Éxito da campaña de mecenado dun grupo do centro

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Grupo de Investigación en de Desenvolvemento, Organización e Rexeneración do Sistema Nervioso de Peixes, o Centro de Investigación en Bioloxía (Cibus) da USC, probará desde maio 1.200 fármacos para tratar lesións medulares en peixe cebra, e comprobar a súa efectividade. O obxectivo a longo prazo desta iniciativa é axudar ás 35.000 persoas que se estima sofren estas lesións só en España, e que se calcula aumentan en máis de mil ao ano, afirma Antón Barreiro, o investigador principal, coa catedrática María Celina Rodicio.

Este traballo será posible polo éxito da campaña de mecenado que iniciaron en febreiro. Apoioulles a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. Propúñanse reunir polo menos 10.000 euros para adquirir eses fármacos e ampliar os seus estudos. Aínda que o prazo finaliza o 2 de maio, xa o lograron e onte achegábanse aos 11.000 euros. Conseguiron achegas de 120 doantes, entre particulares e empresas. Unha axuda de 3.000 euros da firma Pipor acadou o obxectivo proposto xa a semana pasada, explica Barreiro.

Administrarán cada fármaco a peixes con lesións medulares para comprobar os seus efectos. O peixe cebra é capaz de recuperarse desas lesións, e ten a vantaxe de ser transparente, polo que se poden ver con facilidade como responden a ese tratamento. Colaboran co grupo de Laura Sánchez Piñón, do campus da USC de Lugo, indica este investigador.

Antón Barreiro explica que non existe seguridade de que poida finalizar este proxecto en Santiago, pois o seu contrato actual, da Xunta, é por dous anos, acaba o verán próximo e os traballos necesarios poderían demorarse máis tempo.

Antes da súa presenza actual no Cibus estivo dous anos nos Estados Unidos e máis de tres no Reino Unido «e non descarto ter que volver emigrar, pois de momento tamén non teño perspectivas dun contrato da USC para continuar», manifesta.