«Isto é como volver ao século pasado pero só a dez minutos de Santiago»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

A parroquia compostelá de Verdía pasou de ter dez trens ao día a quedar mesmo sen servizo de autobús

17 abr 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao chegar a Verdía (Santiago) un cuéstionase o significado da palabra progreso. As súas hortas verdes e fértiles son un agasallo para a vista, e á beira da estrada fóronse construíndo confortables chalés que dan boa vida aos seus inquilinos se estes poden aparcar un par de coches á porta. Se non, non. Porque aínda que pertenza ao Concello de Santiago e estea a dez minutos da capital de Galicia, Verdía queda moi lonxe se non se ten un medio privado de locomoción ou se apoquinan os doce euros do taxi.

Pero hai anos, antes de que se clausurase a vella vía do ferrocarril, Verdía tiña dez combinacións diarias de tren que permitían aos seus veciños chegar a Santiago, a Vigo ou case onde quixesen. Hoxe, non teñen nin bus. Hai un da empresa Grabanxa ás 8.00 horas que regresa ás 13.30, e pola tarde, un de volta nada máis, ás 19.30 horas. «E din que cando acabe o curso imos quedar sen ningún». Porque a única liña que funciona, en realidade faino para coller aos estudantes.

Quen pronuncia esa sospeita é Tito Sismonde, Tito ou panadeiro. Tres xeracións da súa familia viron como lles afectaba este progresivo abandono do rural compostelán. A súa nai, Elisa Landeira, é a dona do negocio. Está xubilada, e aínda que en teoría non ten problema para ir a Santiago cando o necesita, porque hai coches en casa, «eu prefiro ser independente, ademais os coches son para traballar e ás veces á hora que teño que ir eu a Santiago, eles non poden». O seu fillo, antes, de paso que repartía o pan, levaba aos veciños que tiñan que facer recados. «Pero agora está prohibido, e se tes un accidente méteste nun problema gordo». A neta, Alicia Gacio, utilizou ese bus durante anos para estudar en Santiago. É ela a que resume a situación: «Isto é como volver ao século pasado pero a dez minutos de Santiago».

Por iso agora, un súper vai cunha furgoneta todos os días para levar produtos básicos. O mesmo que o pescadero ou o froiteiro. Como nas aldeas de fai corenta anos.

crónica o deserto das zonas rurais

crise demográfica