A Garda Civil de Rianxo arrestou a un padronés por un suposto roubo nun banco

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

PADRÓN

Na mochila do  detido había 1.200 euros en moedas empaquetadas

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Garda Civil do posto de Rianxo arrestou, á primeira hora de onte, a un padronés como presunto autor dun roubo nun banco. A Policía Local, alertada por unha veciña, detivo a este individuo que responde ás iniciais J.?G.?F. e que rolda os 45 anos de idade. Os mesmos axentes municipais alertaron á Garda Civil, que acudiu ao lugar dos feitos para facerse cargo da investigación e do detido, que xa pasou a disposición xudicial en Padrón.

Na mochila que portaba o suposto caco atopáronse preto de 1.200 euros en moedas, divididos en paquetes de plástico, coñecidos como blíster. O mecanismo utilizado, segundo parece, por este individuo consistiu en golpear cun martelo para facer un buraco nunha ventá do banco, desde o cal conseguiu facerse cos citados paquetes minutos antes de que abrise, de mañá, a sucursal.