«Empecei vendendo polas feiras a pé o que me entraba nun bolsito»

Carla Elías Martínez
Carla Elías CABANAS

O Pino

JOSE PARDO

Ramón Martínez leva máis de vinte anos asistindo ao Feirón do 21 de Cabanas

22 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non tiña ningún posto e percorría as vilas de Galicia andando, polo que tampouco contaba con moita mercancía. Só forza de vontade e ganas de gañarse a vida. Así empezou no mundo da venda ambulante fai máis de corenta anos Ramón Martínez Fernández, veciño de San Mamed de Ferreiros, no Concello compostelán do Pino. Agora bota unha man ao seu fillo, Daniel Martínez, que asumiu o posto hai ano e medio e Ramón, de 67 anos, pasou á xubilación. Onte non faltaron unha cita á que non fallan desde fai máis de vinte anos, o centenario Feirón do 21 de Cabanas que cumpriu 106 anos.

«Empecei vendendo polas feiras as cousas que me entraban na man e nun bolsito. Non tiña posto, ía dun nun a que me comprasen algo», explica Ramón. Aos poucos este duro traballo foi dando os seus froitos e puido ir facendo hucha para mellorar o seu futuro. «Como non metía o diñeiro en borracheiras fun xuntando o diñeiro para poder pór o posto», destaca.

Así se converteu nun dos vendedores emblemáticos das feiras e mercadillos galegos. Ao principio levaba artigos de pouco tamaño. «Daquela como levaba as cousas na man eran moi menuditas, de ferraxería, coitelos pequeniños, papel de alumino e cousas de esas», lembra. Xa co posto empezou a vender ademais produtos de artesanía propios. «Fago táboas de madeira, uns banquitos, cestos, pero pouca cousa», apunta quitándolle importancia. Como aprendeu? «Eu son galego auténtico e os galegos auténticos sabemos facer de todo. ¡Se ata fixen unha casa eu só! Fago o que haxa que facer», exclama. O seu fillo Daniel destaca moito máis o traballo do seu pai. «Fai artesas antigas que se utilizaban para meter bolos de pan, baúis, saleros onde se mete a comida cando se mata o porco..», indica. E recalca o labor de cestería. «Cestas de toda a vida artesás de vimbia, de castiñeiro, para recoller as patacas, de coller a leña e amontoala...».

Daniel ten 28 anos aínda que empezou neste mundo con 16 anos. «Levo toda a vida andando con el», indica. Ao cumprir a maioría de idade cambiou radicalmente de oficio e empezou a traballar en barbería ata os 24 anos. Aí retomou a venda ambulante ata que asumiu o posto como autónomo coa xubilación do seu pai. «Estou encantado con que o meu fillo teña seguido os meus pasos porque senón habería que tirar con todo isto», agradece Ramón. O seu fillo continúa tamén co mesmo espírito do posto aínda que ha ir introducindo nova mercancía e modernizándoa. «Teño cadeiras de brazos de vimbia, zapatos de ir á praia, e moitas cousas de ferraxería como fouciños, gavillos, fouces...», describe. E o seu pai recalca que toda a variedade actual lles dá bos resultados. «Esta feira ha ir ben de vendas pero nós vendemos ben porque temos de todo».

«Había animais»

Cambiou en algo o feirón centenario de Cabanas? «Fai máis de vinte anos que veño e era similar. Aínda que antes aquí houbo moitas máis cousas, había animais, aínda que eu iso xa non o vivín», lembra. O fillo destaca a boa acollida da comarca durante os meses estivais. «Cabanas polo verán, xuño, xullo e agosto, é cando atrae xente e véndese algo, o resto do ano está bastante pobrecita. Pero estes tres meses que empezan son os mellores, sobre todo nas zonas costeiras como esta, onde vén xente de fóra».