«A Foliada mantén con vida o apego de Melide pola tradición musical»

Natalia Rodríguez Noguerol
Natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

A vila celebra esta fin de semana un encontro de referencia para os grupos galegos

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Á volta da esquina está unha das festas máis agardadas en e de Melide, que volverá despedir abril cunha cita que naceu como unha «improvisada» xuntanza nocturna de amigos e coñecidos, e axiña medrou ata coller a sobresaínte altura que ten: «É un evento cultural que hoxe abrangue máis que a música e o baile tradicionais, xa que se foi abrindo, e seguimos receptivos, a propostas que nos foron chegando, coas que conseguimos deseñar un programa moi diverso que, a súa vez, permitiu crear moitos espazos de participación». Trece anos despois de ver a luz, niso se converteu a Foliada e quen así fala dela faino coa autoridade que lle dá ter participado nun parto colectivo que compartiron un ducia de mozos melidenses coa inquedanza «de facer cousas, de unir os grupos da vila e empezar a compartir experiencias», conta Miguel Varela, presidente dá Asociación Cultural e Musical O Castelo.

E do regreso dun serán na outro tempo sala Nasa, en Compostela, das ganas e «da liberdade de facer o que queriamos» concibiron a Foliada na extinta agrupación fundacional da que colleu o nome o colectivo organizador, no seo do que «nunca esperamos que en 10 anos se convertería no que é hoxe: un referente da música tradicional en Galicia», admite Varela. É innegable porque de toda a xeografía galega se desprazarán formacións esta fin de semana a Melide para participar con música e baile nos diferentes espazos programados, como son, entre outros, os cantos de taberna, a marcha gaiteira e o serán. É nesa xuntanza ao atardecer onde afondan as raíces dun encontro que foi adquirindo identidade con artesanía, esquecida animación de rúa, obradoiros, presentacións de novidades editoriais e musicais, e un cartel de concertos ao que lle deron sona indispensables do panorama musical galego como Xavier Díaz, Pepe Vaamonde, Caxade, Sés ou Guadi Galego.

E no ofrecemento de tres xornadas con diversidade de propostas en torno á cultura musical galega, a Foliada traballa e reivindica o amor polo propio. En Melide, que é berce de gaiteiros, «a Foliada está sendo un elemento clave para que se manteña con vida o apego por unha tradición musical de por si importante na comarca», afirma Miguel Varela. Este músico profesional, tamén mestre de gaita e baile galego, explica ao respecto que «hai nenos que xa naceron coa Foliada», con actividades no programa, pensadas, precisamente, «para implicar a esas novas xeracións». E está funcionando como vehículo transmisor. A proba está nas escolas de música e baile tradicionais que ofrecen formación, ademais de en Melide, nos concellos da contorna, como Arzúa. Son canteiras de músicos, afeccionados ou profesionais -o tempo o dirá- pero nos que, en calquera caso, se apoian boas expectativas sobre a supervivencia dun movemento musical «no que a Foliada ten moito que ver». As agrupación con actividade na comarca cóntanse, de feito, cos dedos das dúas mans.

Esa implicación, extensible ao conxunto da veciñanza melidá na medida en que se sinte moi identificada coa festa dende que se botou á rúa -«trasladar a Foliada ao casco antigo foi clave para consolidala», apunta Miguel Varela- é hoxe en día especialmente agradecida. «É importante reivindicar espazos como a Foliada, que prestixia o traballo que están facendo os grupos nun momento no que cada vez hai menos festivais con presenza de música tradicional, que segue sen valorarse na súa xusta medida», apunta o músico, que lembra a desaparición de grupos insignes como Berrogüeto ou Quempallou como «síntoma de que hai moito que traballar para que profesionalmente se poida vivir da música». E con esa ansia, a mesma da primeira vez, se mantén a Foliada trece anos despois.