Licitan a reparación de deficiencias en 20 vivendas públicas

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

O IGVS actuará na fachada da segunda fase da promoción con 252.000 euros

20 abr 2017 . Actualizado ás 00:21 h.

As obras planificadas para emendar os problemas de humidade e de filtracións de auga que afectan as vivendas de promoción pública de Melide como consecuencia dunha construción deficiente empezan a albiscarse nun horizonte temporal próximo. A actuación foi planificada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo , IGVS, que onte mesmo fixo público a través do Diario Oficial de Galicia (DOGA) a licitación do proxecto para intervir na que foi a segunda fase da promoción inmobiliaria: 20 vivendas, distribuídas nos portais 4, 5 e 6 do bloque de pisos que comparten como zona común de acceso a praza José Cándido Paz Ares, nas inmediacións do campo da feira da localidade.

A actuación, cun orzamento de 252.830 euros, acometerase na fachada do inmoble, onde se acometerán obras «que consistirán no illamento térmico do edificio polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas», definen textualmente desde o IGVS. En todo caso, os traballos responden as deficiencias estruturais que presenta, e desde hai anos, a segunda fase da promoción pública, a pesar de que hai só unha década que a vintena de vivendas foron adxudicadas. A problemática, de feito, foi trasladada á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, pola alcaldesa melidense Dalia García (PP), satisfeita coa resposta da Xunta, que «vai investir un montante importante co que penso que van quedar resoltos problemas apreciables e constatados polos técnicos do IGVS».