Soledad , 107 anos: «Hai outros coma min ou máis novos que non están tan ben»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez SANTIAGO / LA VOZ

DODRO

MERCE ARES

Esta veciña de Imo soborda saúde e a pesar da súa idade só toma unha pastilla, para a tensión

26 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

107 anos. Son os que cumpriu este xoves Soledad Tarrío Pérez, unha veciña da aldea de Imo, no municipio coruñés de Dodro, que considera que está «ben de saúde e de sentido». «Non boto nada por fóra. Hai outros coma min ou máis novos que non están así de ben», afirmaba este xoves cun sorriso no seu rostro.

Soledad Tarrío reside coa súa irmá María, de 97 anos. Ve ben (sen lentes, tal e como pide que se especifique unha sobriña súa), oe bastante ben e ten «bo apetito», como ela mesma confirma e tamén o seu único fillo, Gerardo, que coida de ambas.

Sobre a súa vida, Soledad conta que «houbo de todo», pero que traballou ata que puido na terra. Tanto é así que o seu fillo fala de que «foi unha muller de sacho e fouciño». «Non hai outra cousa máis» para explicar a súa lonxevidade, engade.

Nos seus 107 anos, «moi ben levados», como di a propia Soledad case nunca foi ao médico e só toma unha pastilla, para a tensión. Onte foi un día de moitas felicitacións, pero a celebración grande será o domingo, en familia: o seu fillo, os seus tres netos, seis bisnietos e unha tataranieta, ademais claro, da súa irmá María.